O PSOE propón instalar unha base de bombeiros forestais en Coristanco

O Grupo Municipal Socialista de Coristanco presenta unha moción no pleno para que o goberno local ceda un terreo municipal coa finalidade de que a Xunta poida construír nel unha base para os bombeiros forestais, que recentemente abandonaron a localidade.   

Dende o PSOE local consideran que o traslado da base ao concello veciño de Carballo supón unha perda moi importante para Coristanco, xa que a Unidade levaba anos asentada no municipio. Isto, sinalan, aportaba seguridade e permitíado mantemento de camiños e a protección das masas forestais. 

“Non podemos permitir que Coristanco quede sen un servizo esencial como é unha base de bombeiros forestais, que garante unha resposta rápida ante incendios e que ademais supón creación de emprego e dinamización local”, sinalou o voceiro socialista local, José Manuel Pérez Abelenda. 

A iniciativa insta á Xunta de Galicia a asumir o compromiso da construción e posta en marcha desta base no menor prazo posible, ao tempo que solicita a colaboración do goberno municipal para poñer á disposición da administración autonómica un terreo de titularidade pública coas características axeitadas. 

 

“O noso concello ten unha extensa superficie forestal e agrícola, polo que resulta imprescindible recuperar este servizo para protexer o noso patrimonio natural e garantir a seguridade da veciñanza”, subliña Pérez Abelenda.