Últimos pasos da avaliación ambiental do Polígono empresarial de Coristanco

O Concello de Coristanco e a Xunta analizaron esta mañá os últimos pasos dados no marco da avaliación de impacto
ambiental simplificada do futuro parque empresarial do municipio, cuxo proxecto de desenvolvemento e urbanización está a tramitar o seu departamento.

En concreto, a responsable autonómica informou ao rexedor de que a comezos deste mes de xullo finalizou o período de participación pública vencellado ao trámite ambiental e que esta mesma semana a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade recibiu o último informe pendente por parte dos organismos consultados.

Unha vez recompilada e revisada toda a documentación, trasladoulle que o seguinte paso será a emisión do correspondente informe de impacto ambiental, para o que ten un prazo máximo de tres meses e co que o seu departamento porá fin á tramitación do proxecto.

Ademais, en relación aos servizos relacionados coa auga, analizaron as necesidades que o Goberno local considera actualmente prioritarias, sobre todo no que respecta ao sistema de depuración en varios núcleos do concello e ás infraestruturas hidráulicas coas que cre que se lles podería dar unha solución.
Neste sentido, o alcalde comprometeuse a remitir o antes posible o proxecto municipal para a construción dunha EDAR para tratar as augas residuais de varios núcleos lindantes ao carón do parque empresarial para que Augas de Galicia o supervise tecnicamente.