A EFA Fonteboa faise co XXII Premio Aresa

Alumnas do EFA Fonteboa nunha saída a unha granxa

A Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Aresa daban a coñecer onte o proxecto gañador dos seus Premios anuais. Este ano, entre as 13 candidaturas presentadas, o galardón foi para o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, polo seu labor na formación dos futuros profesionais do ámbito rural. O centro coristanqués recibirá, na gala que se celebrerará o 11 de febreiro, os 10.000 euros do premio e unha placa conmemorativa.

O reitor da USC, Antonio López, anunciou que “tras estudar a fondo todas elas, acordamos por unanimidade que a vencedora desta vixésimo segunda edición do Premio Aresa fose a presentada polo Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, de Coristanco”. Lopez Díaz engadiu que “xa fora finalista en anteriores edicións do Premio e queremos destacar así, nesta ocasión, a importancia que a formación de profesionais ten para o desenvolvemento presente e futuro do sector primario, dos sectores agrícola e gandeiro de Galicia”.
“Para estar á altura dos retos que se veñen, é necesario contar con profesionais formados e cualificados e a EFA Fonteboa ten unha longa traxectoria na formación do ámbito rural”, engadiu.

Ademais da EFA Fonteboa, os finalistas foron a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga); Cooperativa Tres Fuciños; Muuhlloa; Timbersoul; Traloagro; Amarelante; DOP O Cebreiro; Estratexia de loita ecolóxica fronte á praga da rata topo; Carabuñas; Gandería María Dolores Vázquez Carballés; Belacolmea, e Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso.

Novas relacionadas