Rafael Brea Bodelo, do IES Monte Neme de Carballo, premio estatal de FP
Esta mañá de mércores 2 de febreiro entregábanse os Premios Nacionais de FP de Grao Superior do conxunto do Estado. Entres os gañadores atopamos un alumno costeiro, Rafael Brea Bodelo, do IES Monte Neme de Carballo. Rafael, estudante da rama de Electricidade e Electrónica, é un 13 estudantes galegos recoñecidos nestes galardóns.
Brea foi recibido polo Conselleiro de Educación, Román Rodríguez que puxo en valor que Galicia levou o 17% destes premios estatais de FP, correspondentes ás convocatorias dos anos 2017, 2018 e 2019 pese a contar só co 6% do alumnado.
“A vosa vitoria nos Premios Nacionais de Formación Profesional é un reflexo do talento, da dedicación e do esforzo que amosades en cada un dos vosos proxectos, así como un orgullo para todos nós”, expresou Rodríguez, que tamén tivo unha lembranza para os equipos de profesorado que hai detrás destes exemplos.
Un galardón que pon de manifesto o potencial que ten a FP, e o potencial que teñen os institutos da nosa comarca. O pasado mes de outubro, unha ceense e un carballés gañaban nas súas especialidades dos premios GaliciaSkills 2021 e 6 meses antes eran dous proxectos do alumnado de FP do IES Fernando Blanco os que saían premiados pola súa innovación.