30 mulleres xa forman parte do proxecto #TodasNós

Algunhas das mulleres que forman parte do proxecto Todas Nós

Xornalistas, psicólogas, logopedas, enxeñeiras, arquitectas, ilustradoras, escritoras, representantes políticas, sociólogas, avogadas, emprendedoras... Toda clase de profesionais forman parte xa do proxecto Todas Nós, un proxecto de visibilización da cantidade e calidade profesional das mulleres rurais da Costa da Morte. Son 30 as xa adheridas nesta primeira onda, pero Patricia Vaquero, a promotora da iniciativa, espera que se vaian apuntando moitas máis. “Seguro que unhas chaman polas outras”, apunta.

”O para que principal é o de visibilizar, que aquí hai moitas mulleres que están aportando moito valor ao noso territorio”, explica, pero a partir de aquí virán moitas máis cousas.

Xa está activo un completo directorio con todas estas mulleres, “todas distintas, pero todas iguais nas ganas de compartir, tecer redes, colaborar, visibilizar e por en valor o noso traballo, o noso talento”. Son dous os directorios xerados: Todas Nós, destinado a mulleres profesionais ou emprendedoras que naceron ou viven nalgún concello da Costa da Morte e que teñen mais de 5 anos de experiencia profesional; e A Incubadora, destinado a mulleres mozas recén graduadas ou con menos de 5 anos de experiencia profesional, do que xa forman parte 4 profesionais.

En calquera caso, os directorios, de feito, “só son o principio, unha parte pola que comezar a coñecernos e poñernos cara, pero estamos xa xerando novas accións que permitan seguir aportando valor e visibilizando o aporte individual e colectivo das mulleres da Costa da Morte”, explica. “Queremos seguir fomentando a creación de redes, comunidade e colaboración”.

Para isto, toca dinamizar accións. “Se o COVID o permite, a idea é facer unha presentación presencial, con todas as que poidamos, para coñecérmonos e escoitar que necesitamos a nivel individual e tamén colectivo. Mentres, estamos traballando para facer formacións, e en breve abriremos un grupo de Telegram para estar conectadas entre todas”, cóntanos Vaquero.

O proxecto está continuamente aberto e podes incorporarte cubrindo un simple formulario ou poñéndote en contacto coa promotora.

 

Novas relacionadas