Xoves. 24.09.2020
El tiempo

Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC

Patricia Vaquero pon en valor a análise da crise co coronavirus dende a perspectiva de xénero nos #DirectosQPC

Este venres 15, tivemos a última retransmisión da semana dos #DirectosQPC tras unha intensa xornada na páxina de Facebook de Que pasa na Costa.

Vimos de falar co colexiado Marcos Ordóñez, co alcalde de Santa Comba, David Barbeira e a alcaldesa, Sandra Insua, ademais da comunidade educativa do IES de Baio, cos que fixemos unha orientación universitaria. Rematamos a semana coa entrevista a Patricia Vaquero, socióloga especializada en xénero, consultora e formadora en igualdade, que está a realizar unha análise na páxina web de nosigualdade.com, que pretende medir o impacto que ten o Covid-19 na igualdade de xénero na Costa da Morte.

Vaquero indica que a idea de facer esta análise nace debido a que a crise sanitaria do coronavirus levou finalmente a que se producise unha crise noutros ámbitos como o económico e o social, feitos que, por desgraza, afectan a mulleres e homes de maneira desigual, polo que é necesario poñer a perspectiva e o enfoque de xénero nun  lugar preferente de análise. Algo moi importante, xa que "non se poden establecer unhas estratexias e unhas medidas sen ter en conta esta perspetiva ou enfoque de xénero", explica.

O feito de enfocalo no ámbito da Costa da Morte débese a actividade profesional de Vaquero céntrase nesta zona. A ceense admite que para poder traballar cos Concellos primeiramente debe coñecer a realidade social do lugar para posteriormente implementar a metodoloxía, estratexia ou proxecto que se desexe. Por iso a relevancia de facer un cuestionario coma este.

A análise conta primeiramente cunha parte para coñecer o perfil da persoa que está a responder o cuestionario e o resto de preguntas están enfocadas a tratar de debullar a realidade da situación que estamos a vivir nestes momentos dende tres ámbitos distintos: os coidados, o mercado laboral e a violencia de xénero. Polo momento, ao seguir en funcionamento, todavía non hai unhas conclusións sobre estes datos, mais Vaquero asegura que parece que estase a seguir a mesma tendencia que no resto de España.

Para todas aquelas mulleres costeiras que desexen participar, sempre e cando sexan maiores de idade, poden facelo na páxina web de nosigualdade.com ata o xoves ou venres da semana que ven, que será cando se peche finalmente o cuestionario. As respostas, que son totalmente anónimas, serán analizadas en conxunto para poder coñecer o que está a pasar na nosa zona dende unha perspectiva de xénero. Unhas conclusións das que falaremos proximamente noutra nova retransmisión.

De todos xeitos, Vaquero fai fincapé na importancia de que á hora de que se establezan medidas ou estratexias,se fagan tendo en conta que esta situación afecta de maneira desigual a mulleres e homes. Considerando ademais que estas desigualdades xa estaban presentes e xa se estaba loitando por erradicalas de antes, se non tomamos conciencia e reaccionamos en base a isto, retrocederemos e faremos que esta brecha se faga máis grande. 

comentarios