A CMAT vén de abrir o prazo de inscrición nos diferentes cursos que conforman o programa de Mellora da Competitividade do sector turístico de Costa da Morte 2018. Nesta edición, a CMAT e a Deputación da Coruña traballaron no deseño de módulos adaptados a catro prioridades do sector como son a mellora do posicionamento de Costa da Morte como destino gastronómico (mellorando a competitividade do sector e a posta en valor dos produtos locais); a mellora da interpretación e a comunicación do patrimonio natural e cultural de Costa da Morte; a mellora da promoción e comercialización das actividades de turismo activo, de aventura e deportivo, e a optimización dos eventos deportivos como focos de atracción de viaxeiros; e a mellora das habilidades comunicativas en inglés para profesionais do sector, tanto empresas como traballadores dos concellos que están á fronte da atención ao viaxeiro de Costa da Morte.
Impartiranse por tanto catro grandes módulos, dirixidos a estas 4 prioridades. Todos os cursos celebraranse en dúas edicións, e celebraranse en lugares repartidos polo territorio de Costa da Morte, co obxecto de facilitar o máximo posible a asistencia dos alumnos.
A inscrición aos mesmos realizarase directamente coas empresas responsables de cada un do catro módulos, profesionais con gran traxectoria en cada un dos campos formativos.