A e-Administración
10 de marzo de 2016 (19:33 h.)
Recordo con nostalxia –fai disto máis de trinta anos– o desinterese inicial da miña aboa pola lavadora: non sabía como poñela a funcionar. Na casa, participábamos do seu lóxico temor ao descoñecido, aínda que, ante a alternativa de desprazarse ata o río do Chalón e lavar a roupa a man, tíñamos claro cal sería o seu comportamento futuro.
De feito, aprendeu en pouco tempo a darlle aos botóns da temperatura, do aclarado e do centrifugado (a lavadora non era como as actuais que fan todo elas soas), e incluso se converteu nunha experta en botarlle a cantidade exacta de deterxente.
Conto isto, porque todos os nosos concellos, absolutamente todos, dispoñen xa dunha sede electrónica (www.concellosdacoruna.es), e teremos que comezar a utilizala.
Deste xeito, moitos de nós atopámonos, dun día para outro e sen a previa formación necesaria, con este novo modelo de relacionarnos coa Administración. E, como en tantas ocasións, ninguén se preocupou de explicarnos como funciona: qué é iso do rexistro telemático e a sinatura dixital; qué debe conter a factura electrónica; en qué consiste o perfil do contratante, os esquemas nacionais de seguridade e de interoperabilidade, etcétera, etcétera, etcétera.
Sen embargo, estou convencido de que pronto notaremos as vantaxes desta nova maneira de proceder e, como a miña aboa, rapidamente nos adaptaremos. Porque, a sede electrónica, aberta as 24 horas os 365 días do ano, sen tantos papeis, resultará máis cómoda, barata e eficiente. Porque, simplifica os trámites aforrando tempo e gastos de desprazamento. Porque, a sinatura electrónica é máis segura que a manual (calquera pode imitala). Porque, coa factura online gáñase en axilidade e os provedores poderán cobrar antes. Porque, co perfil do contratante, as licitacións serán máis transparentes e porque os esquemas mencionados proporcionan plenas garantías de confidencialidade e seguridade.
Este cambio de cultura aféctanos a todos, desde empregados municipais e cargos políticos a empresarios e profesionais, pero tamén a nós, aos cidadáns. Dominica –a miña aboa– sería, sen dúbida, unha gran defensora deste tipo de administración e de internet
- Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.com). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra
- Economía Municipal. Reforma do financiamento local.
- Economía Municipal. Pagar tarde, mal e arrastro.
- Chegou o momento.
- O necesario control.
- Non vos parece?.
- A voltas coa débeda.
- Administracións de 4ª División.
- Non somos “mexebos”.
- Estamos a sufrir en silencio excesivo e sen saber até cando.
- O peixe intelixente.
- Desafíos municipai.
- O soldo do alcalde.
- Repasando o PIB dos Concellos QPC.
- Facturas no caixón.
- Débeda viva a 31/12/2013.
- Solvencia financeira municipal.
- Os concellos e a crise.
- Reposición da legalidade urbanística.
- Loito por culpa do mar.
- Remanente de tesourería.
- Eficacia recadatoria.
- Oportunidade perdida.
- Gasto de persoal.
- Rendición da conta xeral.
- A Conta Xeral.
- A contribución.
- Cuestión de confianza e moción de censura.
- Débeda municipal.
- A prórroga do orzamento municipal.
- Presión fiscal dos nosos concellos.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).