A Plataforma contra os eólicos de Bergantiños entrega 1.200 sinaturas

Plataforma contra os eolicos de Bergantiños no Pleno de Carballo ”Entendemos que a implantación dos parques eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural e da L.A.T 220KV Campelo- Mesón é contraria aos intereses socio-económicos dos veciños e veciñas e ten un importante impacto negativo na saúde, no medio ambiente e na paisaxe, motivo polo que nos opoñemos á súa implantación”. Así explicaron a Plataforma de afectados e afectadas polos parques eólicos de Bustelo, Campelo e Monte Toural o seu rexeitamento a estes viraventos no escrito que acompañaban ás 1.2000 sinaturas entregadas no rexistro do Concello de Coristanco, dirixidas ao alcalde Abraham Gerpe. Dase a circunstancia que o Concello de Coristanco non aceptou tratar o asunto en pleno a pesar das queixas veciñais, mentres o Carballo si que amosou o seu apoio. Acompañaron ademais unha batería de razóns que dan conta do seu rexeitamento deste megaproxecto troceado que afecta a veciños de Coristanco, Carballo e Santa Comba: • Falta de información á veciñanza sobre unhas instalacións das dimensións e impacto como as que se pretenden levar a cabo. • Afectación social e veciñal: Hai vivendas en cada un dos 3 parques a escasos 500 metros de aeroxeradores de 180 m. de altura. Hai vivendas polas que as liñas de evacuación dos parques pasan a uns 10 m. Hai instalacións agropecuarias a menos de 500 m. de distancia de aeroxeradores. Isto todo afecta directamente ás condición de vida da zona empeorándoas considerablemente. • Presenza de contaminación acústica e contaminación radioeléctrica que padecerán constantemente os habitantes destas zonas cos perigos que conleva para a saúde. • Afectación a valores naturais do medio, a recursos de interese arqueolóxico e patrimonio histórico catalogado. • Núcleos rurais, casas, captacións de augas para consumo doméstico, espazos comúns, etc. quedan dentro das áreas poligonais dos parques quedando así afectados por estes. • Afeccións ambientais: humidais catalogados, brañas, especies animais e vexetais endémicas e protexidas quedan afectadas polos parques e pola L.A.T.. • Afectación á hidroloxía da zona dos diferentes parques: fontes, ríos, regatos, humidais, a lagoa e as augas subterráneas quedarían afectadas pola infraestruturas dos parques. • Afeccións ao solo: perda de terreo agrícola e forestal. • Afeccións culturais e arqueolóxicas: afectación sobre o patrimonio inmaterial perdendo os referentes e patrimonio material que se vería afectado polas instalacións dos parques. • Afeccións económicas: perda do valor dos terreos e das vivendas.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/a-vecinanza-de-coristanco-carballo-e-santa-comba-desafiou-aos-eolicos-e-ao-temporal/