Ángel Carracedo dará mañá o pregón das festas do san Xoán
O san Xoán de Carballo está a punto de arrancar. A tradicional traca de bombas de palenque estoupará este xoves 22 de xuño ás 12 horas para anunciar o comezo das festas; un dos máis longos da historia carballesa. Ademais da pirotecnia, o doutor Ángel Carracedo será o encargado de ler o pregón deste ano.
A música será unha das principais protagonistasdestas festas de san Xoan. Participarán todos os grupos de gaitas do concello e o primeiro deles será a agrupación Foliada Galega que se encargará de facer o pasarrúas de mañá - a partir das 12:30 horas -. A música volverá a soar pola tarde, a partir das 20:30 horas, coa banda municipal de Carballo, que presenta a súa nova composición.
E media hora despois tomará a palabra Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética. Como manifestou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación do programa das festas, “sen dúbida ningunha, de todas as persoas que foron pregoeiras en San Xoán, é a que ten o currículo máis extenso. E como ademais ten raíces carballesas, porque o seu pai foi de Rus, encheranos a todos de orgullo que unha persoa con tanto prestixio internacional como Ángel Carracedo nos poida acompañar. É un dos mellores científicos que ten Galicia, sen dúbida ningunha, e unha extraordinaria persoa, mellor que científico, que xa é dicir. Polo tanto, merece todo o arroupe e apoio”.
O equipo do programa "Gastrópodos" da TVG desprázase mañá a praza do concello de Carballo
Pero ademais de todo iso, o programa conta cunha incorporación de última hora xa que mañá, coincidindo co comezo das festas e coa celebración do mercado semanal, estará en Carballo o autobús de “Gastrópodos”. O equipo do programa da TVG, composto pola cociñeira Beatriz Sotelo, o crítico e divulgador gastronómico Jorge Guitián e a pinche e actriz Marta Doviro, pasará a xornada na Praza do Concello. Farán a compra, prepararán o xantar e convidarán a comer a un grupo de membros da Asociación Ambiental Senda Nova. Sen dúbida, será todo un espectáculo engadido ao San Xoán, comezando polo propio autobús, unha auténtica xoia, como podedes comprobar na imaxe.