Ángel Carracedo abre as festas do San Xoán de Carballo
14:53 21/06/17
Ángel Carracedo dará mañá o pregón das festas do san Xoán
O san Xoán de Carballo está a punto de arrancar. A tradicional traca de bombas de palenque estoupará este xoves 22 de xuño ás 12 horas para anunciar o comezo das festas; un dos máis longos da historia carballesa. Ademais da pirotecnia, o doutor Ángel Carracedo será o encargado de ler o pregón deste ano.
A música será unha das principais protagonistasdestas festas de san Xoan. Participarán todos os grupos de gaitas do concello e o primeiro deles será a agrupación Foliada Galega que se encargará de facer o pasarrúas de mañá - a partir das 12:30 horas -. A música volverá a soar pola tarde, a partir das 20:30 horas, coa banda municipal de Carballo, que presenta a súa nova composición.
E media hora despois tomará a palabra Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética. Como manifestou o alcalde, Evencio Ferrero, na presentación do programa das festas, “sen dúbida ningunha, de todas as persoas que foron pregoeiras en San Xoán, é a que ten o currículo máis extenso. E como ademais ten raíces carballesas, porque o seu pai foi de Rus, encheranos a todos de orgullo que unha persoa con tanto prestixio internacional como Ángel Carracedo nos poida acompañar. É un dos mellores científicos que ten Galicia, sen dúbida ningunha, e unha extraordinaria persoa, mellor que científico, que xa é dicir. Polo tanto, merece todo o arroupe e apoio”.
O equipo do programa "Gastrópodos" da TVG desprázase mañá a praza do concello de Carballo
Pero ademais de todo iso, o programa conta cunha incorporación de última hora xa que mañá, coincidindo co comezo das festas e coa celebración do mercado semanal, estará en Carballo o autobús de “Gastrópodos”. O equipo do programa da TVG, composto pola cociñeira Beatriz Sotelo, o crítico e divulgador gastronómico Jorge Guitián e a pinche e actriz Marta Doviro, pasará a xornada na Praza do Concello. Farán a compra, prepararán o xantar e convidarán a comer a un grupo de membros da Asociación Ambiental Senda Nova. Sen dúbida, será todo un espectáculo engadido ao San Xoán, comezando polo propio autobús, unha auténtica xoia, como podedes comprobar na imaxe.
Novas relacionadas
- O mundo cultural de Bergantiños lembrou a Paco Souto
- Nómadas Solidari@s chegan á Costa para levar a luz a Malawi
- Manel Fuentes trae a Carballo a súa banda de tributo a Bruce Springsteen
- O cartel do San Xoán de Carballo ten acento de Cambre
- O San Xoán de Carballo terá dúas grandes fins de semana.
- Jimi Hendrix protagoniza o cartel do Rockin’ Carballo
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Concello de Carballo.