Esta fin de semana si. Esta fin de semana de 7 e 8 de setembro, volven os campos de fútbol a ferver. Practicamente todas as categorías xa están en competición e volvemos disfrutar de tardes de auténtico Fútbol da Costa.
Se xa estaban a Preferente e os xuvenís en marcha, esta fin de semana comezan a 1ª e 2ª Autonómica, así como os infantís. Aínda teremos que agardar ata o 29 de setembro para o comezo da 3ª máis curta dos últimos anos, mentres que os cadetes non comezarán ata o 2 de novembro. A vindeira semana xa comezan os Veteranos, o Dumbría da División de Honra Cadete, e mais os Bergan, Dumbría e XSC da Liga Galega Infantil.
Comezamos o repaso á xornada pola Preferente, que chega co primeiro derbi da temporada entre o XSC e o Soneira. Unha cita que servirá para medir o potencial de ambos conxuntos.
E analizamos o comezo desta temporada 2013/2014 nas 1ª e 2ª Autonómica. 5 equipos da Costa parten na 1ª santiaguesa con ansias de manterse. O Malpica que querrá repetir a gran temporada do ano pasado; os Ponteceso e Camariñas que intentarán non sufrir tanto; e os novatos Esteirana e Baio que haberá que ver como se adaptan a categoría.
A campaña comeza con dous equipos debutando en casa, como o Baio e a Esteirana, que recibirán aos tamén recén ascendidos Agolada e Cordeiro respectivamente. Ademais o Camariñas visitará ao Villestro, un dos chamados a estar arriba trala boa campaña do ano pasado; o Malpica visitando a todo un Arzúa; e o Ponteceso ao Bertamiráns B.
Mentres, na Liga da Costa, teremos moitas incógnitas. Parece que o Fisterra, recén descendido, é un dos favoritos, contando cos Cee (sempre aí) ou o Corme, que busca dar un paso máis como referente do bo xogo na Liga da Costa. Ademais haberá que ter o ollo posto nas novas propostas do Sofán, do Castriz e do Zas.