As Buseranas non dan #Ninunpasoatrás

Concentracion da Buserana en Cee-Foto-Rafa Quintans

Non cesan as mulleres da Agrupación Feminista Buserana, que volveron xuntarse para berrar ben alto #Ninunpasoatrás. Unhas 60 persoas (unha cantidade pequena pero representantiva da sociedade combativa da comarca) quixeron compartir este momento en consonancia coas ducias de concentracións que se realizaron á mesma hora en todo o país.

Unhas concentracións que queren deixar claro que a cidadanía non pode volver a abrir debates que xa tiñamos superados trala irrupción de Vox e a asunción por parte de PP e Ciudadanos dun discurso absolutamente hipócrita en materia de igualdade.

”Non podemos perder dereitos” sinalaban as novas pancartas da entidade.

A presidenta das Buseranas, Cristina Ledo, leu un rotundo manifesto manifestando “a total e absoluta repulsa cara as políticas que tratan de empregar os dereitos das mulleres coma moeda de cambio, recurtando dereitos duramente conquistados e banalizando periogosamente a violencia de xénero que cada ano tantas vítimas acaba cobrando a mans dun machismo que se recrudece”.

Despois do histórico 2018 parece unha broma ter que voltar ao eufemismo “violencia doméstica”, a pesar das cifras que demostran que “as mulleres morren por selo, por querer independizarse, ser libres, soltar as cadeas dunha vida onde vivían presas do temor a unha nova malleira, unha chuvia de insultos ou o desprezo contínuo. Ese é o motivo polo que son asasinadas: por querer decidir sobre a súa propia vida”.

”Estamos fartas de que sexan homes os que decidan sobre o noso futuro, os nosos dereitos, onde e cando podemos abortar, cando debemos traballar, en que posto, con quen. Só nós somos donas das nosas vidas….e ante iso, nin un só paso atrás!”

Fotos de Rafa Quintáns

Ademais, para pechar a cita, soou a canción “No habrá paz sin igualdad”:

 

Novas relacionadas

“Buserana alza a voz ante a utilización política dos dereitos das mulleres” — Que pasa na costa

Máis novas