As axendas escolares 100% en galego feitas na Costa da Morte

Como nos prestan estas iniciativas empresariais costeiras, "senporsen" galegas ademais. A cooperativa galega A Eira, con sede na Costa da Morte, presenta para o curso 2025–2026 unhas axendas escolares deseñadas integramente en galego e pensadas para o alumnado de primaria e secundaria, con unha versión adaptada para nenos e nenas con necesidades educativas especiais (NEE).

As axendas combinan organización académica, aprendizaxe emocional e identidade cultural. Inclúen calendario escolar de Galicia 2025–2026 (anual, mensual e semanal) e espazos prácticos para tarefas, exames, excursións, notas, horario lectivo, lista de material e seguimento de lecturas. Incorporan técnicas de estudo claras e aplicables, consellos de xestión emocional con rastreador de hábitos, e contidos motivadores como frases, refráns galegos e ilustracións para colorear. A portada é personalizable (nome, foto, debuxo ou logotipo), unha opción pensada tanto para encargas individuais como para pedidos colectivos de ANPAs e centros con descontos por volume.

A EIRA incorpora, ademais, un enfoque de igualdade de xénero nalgunhas propostas: portadas con frases de empoderamento para nenas e adolescentes e mensaxes de novas masculinidades para nenos e mozos, co obxectivo de promover referentes positivos e coidados no día a día escolar.

As axendas xa están dispoñibles para compra directa en liña a través da tenda oficial de A EIRA: www.anosaeira.es/tienda

Sobre A EIRA

A EIRA é unha cooperativa galega de traballo asociado con sede na Costa da Morte que desenvolve proxectos educativos, sociais e dixitais cun enfoque humanista, próximo e con identidade local. O equipo, formando principalmente por Carina e Óscar, suma máis de dúas décadas de experiencia acumulada en ámbitos como o apoio psicopedagóxico, a orientación educativa e profesional, a formación para familias e profesorado e a creación de materiais educativos en galego, como o demostraron o o ano pasado tras lanzar o proxecto "mochilaeducativa",  

No eido dixital, A EIRA ofrece deseño e mantemento webxestión de redes e acompañamento á dixitalización para empresas, asociacións e administracións públicas, sempre con trato directo e sen intermediarios

 

 

 

A campaña do CCA "A voltas co cole”

Tamén en clave de volta escolar o Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo activa unha nova campaña destinada a acompañar ás familias na súa “volta ao cole”. Un total de 23 comercios asociados, pertencentes a sectores como moda e textil, calzado, librarías e papelerías, clínica dental, fotografía, fogar, produtos reciclados, xoguetería ou xeadería, amenceron esta mañá coa imaxe da iniciativa, que busca premiar a fidelidade e a confianza dos clientes que realicen as súas compras nos establecementos adheridos.

Entre o 18 de agosto e o 19 de setembro, por cada compra ou servizo realizado nos comercios participantes, os consumidores recibirán un vale de participación que deberán gardar e presentar grampado ao ticket ou debidamente selado polo establecemento e coa data de compra para participar no xogo “A voltas co cole”, un pasatempo familiar que se desenvolverá na Praza do Concello os venres 5 e 19 de setembro, en horario de 17.00 a 20.00 horas.

O venres 26 de setembro, ás 21.00 horas, terá lugar o sorteo das tabletas entre todas as persoas que logren os cinco acertos.

 

Máis novas