Luns. 07.10.2024
El tiempo

As costeiras da #mochilaeducativa ofrecen comezar o curso coa nova Axenda Escolar Galega

Axenda escolar galega Tu mochila creativa
As costeiras da #mochilaeducativa ofrecen comezar o curso coa nova Axenda Escolar Galega

Despois de permitir manter o fío académico durante o verán, o proxecto Mochila educativa volve neste comezo de curso cunha interesantísima axenda escolar galega.

Esta iniciativa, impulsada por dúas profesionais costeiras da educación, Carina, educadora social e psicopedagoga, e Natalia, mestra de primaria, representa moito máis que un sinxelo recurso escolar. É un proxecto coidado, feito con moito agarimo, que pon a Galicia no centro da experiencia educativa dos nenos e nenas.

A Axenda Escolar Galega que axuda ós nenos e nenas a organizarse e xestionar as súa emocións Co inicio dun novo curso escolar, chega unha novidade que está a dar que falar: unha axenda escolar completamente en galego, deseñada para mellorar a autonomía, as técnicas de estudo e a xestión emocional dos e das estudantes galegos. A imaxe de portada da axenda é un faro, elemento que pretende simbolizar a luz que alumeará a andaina do alumnado durante o curso escolar 2024-25 e que pode conseguirse dende a web tumochilaeducativa.es.

Esta nova axenda non só cumpre a función de organizar o día a día dos e das estudantes, senón que vai moito máis alá, facilitando o desenvolvemento integral das pequenas. Parte do calendario escolar galego e inclúe ferramentas de planificación semanal, mensual e anual, que permiten aos rapaces anotar deberes, exames, actividades extraescolares, así como organizar as súas horas de estudo diario. Cada detalle foi coidadosamente pensado para ofrecer un recurso práctico e eficiente, desde o espazo para anotar o horario escolar ata un recuncho onde poden levar un seguimento das súas notas trimestre a trimestre.

Ademais, esta axenda non esquece un aspecto fundamental no desenvolvemento infantil: a xestión emocional. Coa axuda de citas inspiradoras, rexistros diarios de emocións e teléfonos de axuda, este recurso pretende axudar aos estudantes a mellorar a súa autoestima, xestionar mellor as súas emocións e pedir axuda ante situacións difíciles. Tamén inclúe actividades creativas que permiten aos pequenos expresarse dun xeito máis libre e persoal, enriquecendo así a súa experiencia escolar.

O uso do galego en todos os recunchos desta axenda, así como a súa clara referencia a Galicia como escenario principal, fan que sexa unha iniciativa única. É unha aposta decidida pola lingua galega, que non só facilita a organización e o estudo, senón que tamén reforza o vínculo dos nenos e nenas coa súa terra e cultura.

Podes atopar a Axenda Escolar Galega en tumochilaeducativa.es.

Máis novas

Comentarios