O BNG comarcal cuestiona a discriminación do PP e pídelle “que deixen as promesas e pasen a feitos”
A autovía (ou corredor), o Centro de Día de Corcubión, os problemas do transporte público... son algunhas das promesas inclumplidas do goberno do PP na Xunta de Galicia.
Son algúns dos exemplos que pon o BNG da Costa da Morte, que vén de cargar con dureza contra as políticas do Partido Popular respecto da comarca, e pídelle “menos promesas e máis feitos” a favor da veciñanza, “que está farta vendo como o PP só sabe falar de que van a facer cousas e logo amósase que sempre todo é mentira, como está pasando desde hai tempo en ámbitos como as infraestruturas, educación, sanidade, transporte público ou coidados dos maiores, piares fundamentais para o desenvolvemento da nosa comarca”.
Logo da recente visita a Fisterra da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, para arroupar ao único alcalde que os populares teñen nas comarcas de Soneira e Fisterra, a organización nacionalista afirmou que Prado “só se lembrou de acudir á vila do Cristo por intereses partidistas, a facer postureo e sacarse fotos”.
O BNG sinalou que a tamén deputada no Parlamento galego “presumiu de que o PP é garantía de estabilidade, cando precisamente en Fisterra en menos dun mes de goberno municipal, a situación política é precisamente a contraria, logo de pactar cun tránsfuga que agora xa ten anunciado que non apoiará ao executivo liderado por Luís Insua”.
O responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez, declarou “o PP o que fixo foi traer máis inestabilidade a Fisterra, e a nivel comarcal xa vemos desde hai anos o menosprezo e a discriminación que sufrimos, con falsas promesas e incumprimentos reiterados”.
O representante nacionalista lembrou que “a Costa da Morte aínda está agardando polo remate da autovía, logo de múltiples anuncios que se quedaron en nada, e en educación estamos vendo a verdadeira faciana do Partido Popular cos recortes de profesorado en centros escolares para o alumnado con necesidades especiais”.
Ademais, Rodríguez incidiu na “nefasta situación” na que se atopa o transporte público na comarca, con problemas de rutas e horarios, e lembrou que “desde Muros ata Cabana de Bergantiños non existe nin unha soa praza pública de atención a persoas dependentes en centros de día, por non falar da falta da falta de previsión da Xunta para cubrir a falta de pediatras en varias localidades”.