xoves. 02.10.2025
El tiempo

Paula Prado respalda a Luís Insua

Paula Prado e Luis Insua en Fisterra
Paula Prado e Luis Insua en Fisterra
Paula Prado respalda a Luís Insua

Recibía o novo alcalde de Fisterra, Luís Insua, a visita de Paula Prado. A secretaria xeral quixo achegarse así para reivindicar as novas alcaldías lideradas polo seu partido como “garantía de estabilidade, xestión e rigorosidade para os veciños” fronte aos “pactos de perdedores” protagonizados por BNG e PSOE e que “son pan para hoxe e fame para mañá”.

Na visita que realizou esta mañá a Fisterra, amosouse convencida ademais de que estas características do proxecto do PPdeG serán tamén o “selo” que Luis Insua “imprimirá” como alcalde deste concello, contribuíndo así a facer del “un tractor da comarca” que visualice a diferenza con outros gobernos municipais caracterizados pola “inestabilidade” derivada dun “reparto de cromos feito pensando en intereses partidistas e non no beneficio dos veciños”.

A número dous dos populares galegos quixo desexar éxito ao alcalde destacando a súa “enerxía” e as súas “ganas de cambiar as cousas”. De feito, indicou que Luis Insua é, aos seus 33 anos, un dos cinco alcaldes máis novos do PPdeG e un dos 13 alcaldes do partido menores de 40 anos.

“Luis é un exemplo da nosa aposta por fomentar a participación activa da mocidade na política”, asegurou. Unha aposta que, tal e como engadiu, responde a que o partido é “consciente de que hai moito talento, moito bo facer e moito que aportar entre a xente nova de Galicia”. 

O alcalde, pola súa banda, quixo destacar que “a pesar de que Fisterra é o final de todo, final do Camiño e quilómetro cero, neste caso vai ser o comezo da recuperación das alcaldías do PP na Costa da Morte”. 

Asegurou que, á súa chegada á alcaldía, atopouse con “numerosos expedientes parados, moitos traballos pendentes e outros mal xestionados”. Pero, sen embargo, neste escaso mes e medio, el e o seu equipo foron quen de que “os veciños poidan ver que con traballo e esforzo as cousas poden facerse doutra maneira”.

PP de Fisterra

Comentarios