O BNG propón que os concellos da Costa da Morte cedan parcelas municipais á Xunta para construír vivenda pública

Xurxo Rodríguez é o voceiro comarcal do BNG

O BNG da Costa da Morte proporá que os concellos da comarca cedan terreos municipais de solo edificable ou susceptible de urbanizar, así como edificios para ser rehabilitados, para que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) constrúa nos mesmos vivenda protexida de promoción pública.

Os grupos municipais dos nacionalistas presentarán mocións ante os plenos de cada localidade para debater a proposta, que tamén inclúe instar aos gobernos locais a levar a cabo un estudo e unha campaña de información pública sobre a vivenda en cada concello, sobre a que se atopa baleira e a que debe ser rehabilitada, e promover a inscrición no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda en Galiza dos residentes que a precisen.

O BNG indicou que “existe unha demanda na sociedade, incluso con protestas nas rúas, para que os gobernantes arranxen o problema de acceso á vivenda que existe na actualidade, e a Costa da Morte non é allea a esta cuestión”.

“É importante que os concellos da comarca aporten solo municipal para exixirlle a goberno galego que constrúa vivenda na comarca, co obxectivo de asentar poboación e impulsar demograficamente as zonas rurais e periféricas”, insistiu o BNG da Costa da Morte.

O responsábel comarcal dos nacionalistas, Xurxo Rodríguez Baña, animou a todas as persoas da bisbarra que procuren unha vivenda “a inscribirse no rexistro de demandantes da Xunta, para que teñan en conta as necesidades existentes”.