Bergantiños ficou eclipsada polas nubes
- Outras zonas do sur puideron ver a eclpse parcial con total normalidade.
Coa que se leva montada dende Fitur na comarca, coa de cartos investidos en promoción, coa de esforzos postos por todas as administracións para este evento que non se vai repetir na provincia ata dentro de 400 anos… E vai e se nubla…
Ficou ateigada a comarca de Bergantiños, unha zona da Costa da Morte onde se ía apreciar a eclipse na súa totalidade, con puntos como o Cabo Roncudo cheos de coches como nunca antes. Moita veciñanza chegaba paseando dende a vila, pero na longa cola de vehñiculos atopábanse matrículas de Francia, Portugal, Italia…

Todo comezaba de xeito magnífico. Eran as 19:30h e a lúa comezaba a trabar o sol dende o lado esquerdo, cun ceo practicamente despexado. Coas gañas e as caixas estenopeica armadas, a xente gozaba do espectáculo con ledicia.
Pero en apenas 5 minutos todo mudou. O nordés comezou a traer unha nube negra que encheu o ceo e ocultou o fenómeno ata o final, impedindo ver a coroa da eclipse total, e toda a última fase de saída da lúa.
O que non puido impedir é o espectáculo da tremenda baixada de luminosidade, un solpor e un mencer espectaculares que se viviron en apenas un par de minutos, que quedará para a lembranza, a pesar da decepción xeralizada.
Houbo algúsn puntos do interior ou no sur da comarca, como Vimianzo ou Carnota onde o eclipse parcial viuse perfectamente, como comprobamos nestas fotos que nos mandan Romina de Vimianzo e un veciño dende o mirador de Serres, Carnota.