O BNG reclama máis persoal médico para reducir as listas de agarda no hospital de Cee
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, reclamou á Xunta que dote de máis persoal médico ao hospital comarcal Virxe da Xunqueira para reducir as listas de agarda. O parlamentario nacionalista, que interveu este xoves na comisión 5ª de Sanidade interpelando á directora xeral de recursos humanos da Consellería de Sanidade, María del Mar Pousa Cobas, insistiu na necesidade de mellorar diversos servizos asistenciais no centro hospitalario de Cee.
Insua lembrou que nas citas da especialidade de saúde mental, en psiquiatría hai unha lista de espera de 50 días na primeira consulta, subindo a 240 días na segunda. Subliñou que existen casos de pacientes que levan máis dun ano agardando a ser atendidos, polo que considera necesaria a incorporación dun especialista máis. Ademais, incidiu que en psicoloxía a lista de agarda sitúase entre os 80 e 150 días para acadar unha cita.
O deputado do BNG replicou á directora xeral en canto ás cifras de agarda para consultas no servizo de otorrinolaringoloxía, e amosou o caso dun veciño de Corcubión que foi atendido nesa especialidade en setembro de 2024, cunha recomendación de pasar revisión en catro meses. “E aínda está agardando a que lle dean cita; se presumen de datos do hospital de Cee como os mellores do país, como serán os do resto de Galiza?”, manifestou Oscar Insua, que cre que “desde o Sergas non dan solucionado a cobertura completa de prazas en dita especialidade, provocando que a listas de agarda aumente de forma considerable”.
En referencia a cardioloxía, o parlamentario nacionalista sinalou que existe unha lista de agarda de 82 días, e urxiu a aumentar os días de consulta, que na actualidade e só dun día á semana. “No hospital do Barbanza, desprázanse facultativos dende Santiago e ofrecen este servizo catro días á semana. Por que en Cee non pasa o mesmo?”, preguntou.
Oscar Insua insistiu na “preocupación dos veciños e veciñas da comarca, que levan esperando moito tempo para unha cita médica, como é o caso de doentes que levan un ano e medio esperando a que os chamen de otorrinolaringoloxía ou para facer probas como resonancias, agardando máis de tres meses, no mellor dos casos”.
O deputado manifestou que “é un despropósito a falta de previsión e de organización da Xunta de Galiza, despois de levar 16 anos gobernando, e traen datos para dicir que son os mellores dos peores, e con iso se conforman. No hospital comarcal precisamos máis otorrinos, máis psiquiatras e máis cardiólogos e seguiremos insistindo ata conseguilo”.