O BNG levou ao Parlamento a loita polo servizo pediátrico de Carnota

Oscar Insua no Parlamento co cartel da concentración en Carnota

Volveu a crítica situación do servizo público de pediatría da Costa da Morte ao Parlamento Galego. Foi o BNG o que presentou unha proposición non de lei na Comisión 5ª do Parlamento para exixir a recuperación inmediata dos servizos de pediatría e enfermaría pediátrica no centro de saúde de Carnota, e como tantas outras veces, a moción saíu sen acordos trala negativa do PP, a pesar de que o propio grupo popular local apoio a manifestación celebrada o pasado 12 de decembro.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Óscar Insua, lembrou que as familias de Carnota levan case un ano sen cobertura, en un pediatra fixo, oobrigándoas a desprazarse a Muros para atención básica. A situación agravouse coa eliminación da enfermaría pediátrica en marzo, deixando sen revisións, vacinas ou curas específicas aos menores.

A resposta da Consellería de Sanidade foi redirixir as consultas a médicos de atención primaria sen formación pediátrica específica, contravindo protocolos internacionais que exixen triaxe por especialistas. “Vostedes están desmantelado a sanidade para dicir que a pública non vale para nada e incentivar a privada” salientou Insua.

Durante a Comisión, a voceira do PP María Encarnación Amigo Díaz, volveu co argumento de sempre, que "a ausencia de especialistas é un problema estrutural que afecta a todo o país", e botou a pelota no tellado do goberno central.

O deputado nacionalista acusou ao PP de "aniquilar a sanidade pública" para favorecer a privatización, xa que, mentres clínicas privadas ofrecen estes servizos, a Xunta “non cubre as prazas públicas”. Ademais, a medida incumpre a Lei de Impulso Demográfico de Galiza, que garante protección sanitaria infantil en concellos rurais. 

Máis novas do conflito