Un bus de Mulleres da Costa da Morte acodiu á manifestación en Verín previa ao 8M

Mulleres da Costa da Morte-Bergantinos en Verín

Toda a Galicia feminista tiña este domingo unha cita en Verín. A manifestación previa ao Día Internacional das Mulleres, convertiu a vila ourensá na "capital do feminismo galego”. E non quixeron faltar as mulleres dos 4 colectivos da Costa da Morte, que fletaron un bus que vertebrou a comarca recollendo bravas mulleres de Carnota, Cee, Vimianzo e a zona de Bergantiños. Non faltou tampouco unha completa expedición do BNG bergantiñán (aquí embaixo) e algún que outro grupo municipal.

Co lema “sen cuidados non hai vida”, unhas 5.000 de mulleres, arredor da convocatoria #Galegas8M comezaron o #Camiñodo8M para continuar “mudando o sistema e derrubando o patriarcado”. Pois esta era a posta en escena do gran movemento que vai volver ser este 8 de marzo de 2020.

VISIBILIZAR O INVISIBLE


A pesar de que o servizo do hospital se restaurou despois de que o Goberno galego rectificase a súa decisión, as feministas galegas consideran que a localidade verinesa é a idónea para este acto reivindicativo que se centra nos coidados non remunerados e continuos que exercen as mulleres. A berro de: 'Nós parimos, nós decidimos', as mulleres e manifestantes deste domingo reivindicaron o dereito "a un parto sen violencia obstétrica, a un coidado pediátrico de urxencias, a unha sanidade pública de calidade" e, en definitiva, "a vivir no rural con dignidade".

Así pois, as súas reclamacións destacaron a "violencia institucional" que exerceu a Xunta do PPdeG ao tomar a decisión de pechar o paridoiro, pero tamén centraron as reivindicacións no rol dos coidados que asumen as mulleres. "Sen coidados non hai vida", repetiron unha e outra vez. Con este 1M queren "visibilizar o que permanece invisible", xa que "a maior parte" deste labor de coidados "non está remunerado" e, cando o está, "trátase dun traballo precario e infravalorado".

No seu manifesto relataron que "as persoas non son independentes", necesitan "coidados alleos durante toda a vida para satisfacer necesidades afectivas, alimentarias, físicas" ou para buscar o "benestar e a felicidade". Neste sentido, o "patriarcado e o sistema capitalista" asignou ás "mulleres as tarefas de coidado e xerou un mundo público masculino desvinculado dos tempos biolóxicos e ecolóxicos".

Por este motivo, apelan á "corresponsabilidade" para que os homes e os servizos públicos compartan ese labor de coidados e dean opción a que as mulleres a entrar na esfera pública. Ademais, a defensa do rural e da identidade de xénero tamén marcaron o discurso deste 1M.

Accións na Costa

Os colectivos costeiros prepáranse xa para as accións conxuntas artelladas durante esta semana.

Novas do 8M

Novas relacionadas

Artigos de Sonlilá

Fonte

  • Redacción de QPC e do xornal colaborador Galicia Confidencial