Domingo. 15.12.2019
El tiempo

As catro asociacións feministas da Costa da Morte reúnense nunha Tertulia Violeta

De esquerda a dereita: Ester, das Buseranas de Cee; Marta, das Curandeiras de Vimianzo; Inés, do Círculo Feminista de Carballo; Marupe, de Sonlilá de Carnota e Paula, moderadora da conversa.
De esquerda a dereita: Ester, das Buseranas de Cee; Marta, das Curandeiras de Vimianzo; Inés, do Círculo Feminista de Carballo; Marupe, de Sonlilá de Carnota e Paula, moderadora da conversa.
As catro asociacións feministas da Costa da Morte reúnense nunha Tertulia Violeta

Co 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, este mes estase a convertir nunha reivindicación desta inxustiza. Cada vez máis xente se suma a esta loita tan necesaria participando en actos multitudinarios e o número feministas non deixa de medrar. Mais a pesares dos avances acadados, a realidade que viven as mulleres segue a ser aterradora.

Dende QPC quixemos aportar o noso pequeno gran de area á causa e argallamos, en colaboración con Radio Neria, a nosa particular Tertulia Violeta na que participaron representantes das catro asociacións feministas da Costa da Morte. As participantes mantiveron unha conversa sobre feminismo e os seus conceptos básicos, da realidade que están a vivir as mulleres no noso país nesta materia e finalmente, poñemos a vista no noso pequeno recuncho, a Costa da Morte. 

A Tertulia Violeta sairá tamén nas radios irmandas da Costa da Morte, radiONeria e Radio Roncudo, o sábado ás 11.00h, o domingo ás 12.00h e o propio luns 25 de novembro ás 10.00.

As asociacións participantes:

-Círculo Feminista de Carballo

O Círculo Feminista de Carballo é un colectivo que nace da inquedanza dun grupo de mulleres carballesas por trabllar para a consecución da igualdade na nosa localidade. Consideramos fundamental poñer en coñecemento das mulleres que así o desexen a información precisa para lograr empoderarse, isto é, coñecer a nosa realidade actual e tomar medidas para poder mudala dun xeito pacífico e organizado, no que cada participante poida aportar o mellor de sí para lograr un cambio efectivo a nivel local, e posteriormente, global. Por iso, desenvolvemos diversas accións para lograr estes cambios: dende accións políticas a actividades orientadas á sensibilización política. Está aberto a todas as mulleres que queiran traballar en prol da igualdade na súa comarca.

-Buserana

A idea de Buserana naceu no outono de 1999 na inquedanza dun grupo de mulleres ante unha sociedade tremendamente machista na que non había voces públicas que traballasen pola igualdade. Somos feministas: queremos un mundo mellor e en feminino. Cremos que as diferenzas nunca poden ser desigualdades, e traballamos facendo públicas as nosas demandas de igualdade e visibilizando machismos integrados na normalidade coa fin de mudalos por relacións de respecto. Somos poucas, somos moitas, pois son moitas as mulleres que nos teñen acompañado e moitas as colaboracións que forman parte deste xa longo camiño.

-Sonlilá

Somos a Asociación de Mulleres Feministas Sonlilá, xurdida en Carnota, que acolle a mulleres de toda a comarca que queiran ser parte desta andaina.

Nace moi pouco a pouco, chamando unhas polas outras. Nace da necesidade do encontro como mulleres nun esforzo seguro, de liberdade, onde poder atoparnos e expresarnos sen sentirnos cohibidas nin xulgadas. Da necesidade de tecer redes entre nós, de coidarnos entre todas. De sororidade.

-Asociación Feminista As Curandeiras de Vimianzo

O colectivo feminista ‘As Curandeiras’ de Vimianzo nace no ano 2018 a raíz dun grupo de Batukda formado exclusivamente por mulleres para tocar na nosa festa mais reinvidicativa, o Asalto ao Castelo . Desta forma démonos conta que os nosos tambores son armas de resistencia, unha forma de empoderamento e que a trevés deles visibilizamos e damoslle voz ás nosas demandas e reinvidicacions feministas, facémonos visibles, temos voz e construimos un grupo entre iguais, un espazo de empoderamento que fai máis fortes e que nos axuda a medrar individual e colectivamente.

tertulia violeta 1

Comentarios