A conselleira de Mar enxalza a traxectoria da Festa do Percebe
Onte presentouse a XXXIII edición da Festa do Percebe que terá lugar en Corme o vindeiro 19 de xullo. Ao acto de presentación do evento asistiu a conselleira do Mar, Marta Villaverde que enxalzou a traxectoria deste evento gastronómico que se celebra ininterrompidamente desde o ano 1992 e que está declarada Festa de Interese Turístico Galego. Motivos polos que situou a cita culinaria, unha das máis importantes da comunidade, como modelo de valorización dos produtos do mar. Ao acto de presentación do evento tamén asistiou o director Turismo de Galicia, Xosé Merelles.
A titular de Mar subliñou que o percebe é un dos produtos máis recoñecidos dentro e fóra de Galicia polo seu extraordinario sabor e calidade. Unhas propiedades que contribúen ao prestixio do peixe e mariscos galegos nos mercados, alimentos que exercen de grandes embaixadores da marca Galicia Calidade. Nesta liña, puxo en valor que foi a primeira festa dedicada ao percebe e que serve tamén como homenaxe e recoñecemento aos profesionais, que en condicións moi duras e arriscadas, fan posible que cheguen aos pratos dos consumidores nas mellores condicións.
Un bo facer que está sustentado nunha explotación dos recursos mariños sustentable dado que só se extrae na campaña de Nadal e para este cita gastronómica permitindo a súa recuperación. Así, as lonxas galegas comercializaron o ano pasado máis de 230 toneladas de percebe que alcanzaron un valor de case 9 millóns de euros. Cifras que poñen negro sobre branco a importancia económica desta especie para a actividade pesqueira e que complementa a súa relevancia gastronómica como un dos mariscos máis valorados no mercado.
Atractivo turístico
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, agradeceu que elixisen o Centro Superior de Hostalería de Galicia para facer esta presentación e salientou que “a gastronomía é un dos principais motivos polo que os turistas deciden visitar Galicia”. Neste sentido, eloxiou a calidade dos produtos da comunidade, nos que destacan sobre todo os do mar.
Xosé Merelles amosouse convencido de que “esta fose unha das razóns do incremento do 6% no número de viaxeiros o pasado ano rexistrado na Costa da Morte, que á súa vez fixeron máis de 340.000 noites, cifra récord na serie histórica”. Referíndose ao turista gastronómico, Xosé Merelles salientou que este soe gastar un 30% máis que outro tipo de visitante e salientou que Galicia é un dos destinos máis elixidos en base ás festas de interese turístico, nas que ten un protagonismo especial o aspecto gastronómico. En total “temos na comunidade máis de 140 festas de interese turístico de Galicia, 9 nacionais e 15 internacionais” que suman activos á xa por si atractiva oferta do destino Galicia”.