Finalmente si hai cartel para a XXXIII Festa do Percebe do Roncudo 2025
Corriu serio perigo este ano a Festa do Percebe do Roncudo. A falta de intención da Confraría (a organizadora de 31 das 33 edicións, en 2022 fixo o Concello e no 2024 fíxoo un grupo de mariscadores fóra da Confraría) en asumir a complicada xestión da festa, e a falta de relevo na organización, provocou que ata estas pasadas semanas non se confirmara a celebración desta Festa de Interese Turístico.
Foi o Concello o que puxo en contacto a dous ex patróns maiores da confraría (un o presidente da Agrupación de Percebeiros) cunha serie de persoas vinculadas a entidades como o Club do Xubilados, o Coro, ou a Asociación de Veciños Eduardo Pondal. Entre todos, a través da Asociación Promoción do Percebe do Roncudo, preparan xa esta cita histórica, que intentará recuperar as súas orixes, centrándose na posta en valor do tesouro gastronómico e ir aparcando un pouco o "botellón".
De feito, a Agrupación de Mariscadores decidiu abrir o Roncudo para ter o mellor produto para o 19 de xullo.