A Costa tínguese de verde para analizar o binomio Cancro-Covid

Fonte de Corme de verde polo Dia do Cancro

Hoxe xoves 4 de febreiro, é Día mundial do Cancro, e na costa da Morte celébrase de varios xeitos. Espazos municipais como a Casa do Concello de Coristanco, a de Carballo, a ponte de Ponteceso, ou a fonte de Corme, tinguíronse de verde para amosar o seu apoio e enviarlle unha mensaxe de alento aos afectados por esta eterna enfermidade.


A Ponte de Ponteceso

Non poderá haber actos pero a activa Asociación Española para o Cancro, e as súas delegacións de Cee e Carballo si que van realizar unha serie de actividades arredor da relación que vivimos hoxe coa presencia do Covid ademais do cancro, un binomio que trae moitas dúbidas e reflexións.

Para analizadas organizan unhas xornadas online baixo o título “Os pacientes de cancro debaten sobre o impacto da Covid-19”. As citas son online en directo a través da Canle de Youtube da AECC:

  • Ás 10:00h.: Diálogos AECC. “Os pacientes de cancro debaten sobre o impacto da COVID-19”.
  • Ás 11:30 h.: X Foro Contra o Cancro. “Por un enfoque integral”. Impacto da Covid-19 nas persoas afectadas polo cancro: novos desafíos entre vellos retos.

Falarase do efecto da pandemia por COVID-19 nas persoas con cancro e nas súas familias e posibles respostas aos desafíos presentados. Ao tempo queren seguir potenciando e reforzando a investigación oncolóxica.

Atención

Por outra banda, a Xunta Local de Cee da AECC lembra que pese a actual situación, segue prestando asistencia e apoio ás persoas con cancro que o precisen e mais aos seus familiares, a través do teléfono local, da Sede Provincial de A Coruña da AECC e do teléfono gratuito operativo as 24 horas de Infocáncer 900 100 036.

Tamén a Xunta Local de Carballo aproveita para lembrar o número de teléfono gratuíto 900 100 036, que funciona todos os días do ano e as 24 horas do día, ante calquera situación de necesidade; por outra, a toda a cidadanía, para que siga colaborando coa asociación, xa que, debido á imposibilidade de organizar ningún tipo de acto solidario ou peditorio, está a manterse grazas ás cotas dos socios e socias.

Máis concellos de verde


Concello da Laracha


Corporacion de Malpica de Verde polo Dia do Cancro.


Concello de Vimianzo


Concello de Coristanco co grupo de goberno