Decretada a alerta por seca na bacia do Anllóns
11 de agosto de 2026 (17:08 h.)
- Ademais entran en prealerta a zona de Muros e a bacia do río Grande en Camariñas.
A Xunta decidiu activar a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, así como a do río Lérez, en Pontevedra, dúas bacías que estaban xa en prealerta desde facía un mes.
A maiores, entran en prealerta por escaseza moderada de auga outras catro unidades territoriais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, concretamente, as UTE do río Tambre e ría de Muros (Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia) do río Grande (Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo); o río Mendo e ría de Betanzos, e do río Landro e río Ouro.
Implicacións nos concellos afectados pola Alerta
O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan de seca da demarcación Galicia-Costa para a xestión de situacións de escaseza conxuntural, sendo o último e máis levado o de emerxencia.
A efectos prácticos, esta declaración supón comezar a adoptar medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes. Por exemplo, a prohibición de usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Así mesmo, en caso de ser preciso, aplicaríanse cortes de auga puntuais.
En concreto, hai 32 concellos afectados pola alerta, entre eles Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, do río Anllóns.
Novas anteriores