Denuncian que os Orzamentos da Xunta 2026 para a comarca de bergantiños son un 21% inferiores aos de 2025
Fai balance máis exhaustivo o PSdeG-PSOE Provincial da Coruña sobre os Orzamentos da Xunta de 2026 para a comarca de Bergantiños. Xa a deputada carballesa Patricia Iglesias criticaba hai unhas semanas que as contas “inclúen compromisos para a Costa da Morte que logo non se executan”.
Esta semana, foi o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro o que, nunha rolda de prensa xunto á propia Iglesias e varias voceiras da comarca, enumerou as diferentes carencias dos orzamentos nos seus respectivos municipios. O grupo califica de "abandono" o trato da Xunta para coa comarca, e puxo cifras ao calificativo: “Desde o 2022 ata os orzamentos do 2026, unha rebaixa do 21% nos orzamentos da Xunta de Galicia dedicados á comarca de Bergantiños". "Amosa que evidentemente hai un esquecemento absoluto desta desta comarca", denunciou Patricia Iglesias.
"Non sei cantas veces levei ó Parlamento o tema de ampliación do polígono industrial de Carballo, o de Coristanco tamén, e o que arrinquei da directora xeral foi que como moito estarán no 2028", critica a deputada socialista. "Se queren vir aquí as empresas non se poden instalar", advirte.
A parlamentaria lembrou tamén "a autovía da Costa da Morte, que non sei cando o veremos rematar". "Un proxecto socialista, de Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia no bipartito, xa pasaron 17 anos", lembrou.
"Seguen prometendo, prometendo, prometendo", sinala, sen que apareza na plataforma de contratación da Xunta un proxecto que, en todo caso, "non vai ser moito porque non vai a ter dobre carril".
Pola súa parte, o secretario provincial Fernández Piñeiro afirmou que este abandono é "una dinámica que estamos vendo en distintas bisbarras de provincia que son historicamente castigadas nos orzamentos da Xunta, xa que se repite o mesmo patrón orzamento tras orzamento".
O socialista comezou sinalando que "é curioso que a Xunta de Galicia utilice titulares grandilocuentes para reclamarlle ao Estado a liberación de peaxes naquelas estradas e autoestradas que son de competencia estatal" mentres non fai o propio coas da súa titularidade.
"Non hai nin un céntimo neste orzamento da Xunta de Galicia para o vindeiro ano para liberar esas dúas peaxes que ten a AG-55", lembrou.
"Infraestruturas de carácter educativo ou social, pois vemos que seguimos máis ou menos na mesma dinámica de total desleixo por parte desas dúas consellerías", afirma, apuntando tamén que a sanidade, "sobre todo coa atención primaria, que está totalmente abandonada".