O documental "Bravú XXX", que se estrea hoxe, chegará a 7 vilas da comarca
Avanzamos a semana pasada a inminente presentación do documental “Bravú XXX”, que conta coa presenza indispensable dos Impresentables de Vimianzo. Un proxecto que rescata a historia da música que revolucionou á rapazada galega.
E hoxe, venres 25 de outubro, é o gran día. A furgoneta dos Impresentables de Vimianzo xa colle estrada cara Chantada, onde todo naceu, no marco daquel I Castañazo Rock. Alí será a presentación de “Bravú XXX”, documental producido por Nós Televisión para conmemorar o 30º aniversario dese movemento musical.
Un documental que chegará, tras ser incluído na programación do ciclo Outono das Artes, que organiza o departamento provincial de Cultura—, a auditorios, de toda Galicia. Entre eles os de Zas, A Laracha, Muros, Corcubión, Malpica, Carnota e Muxía. Todas as proxeccións serán de balde.
Así anunciaban onte a deputada de Cultura, Natividade González, xunto co condutor e un dos guionistas do filme, Xurxo Souto, e a directora, produtora e tamén guionista do documental, Ana Viqueira.
Ana Viqueira agradeceu “a oportunidade de que o filme se proxecte, dentro do ciclo Outono das artes, en vinte e cinco concellos, pequenos e medianos, de forma aberta, de balde, para que toda a sociedade poida velo e desfrutalo e que a música e a cultura sexan un dereito e non un privilexio, como ben di o lema da área de Cultura da Deputación”. A directora referiuse á principal tarefa que tiveron por diante á hora de realizar o documental: “facelo desde a perspectiva do propio movemento bravú, que foi unha forza cultural, musical e colectiva que o revolucionou todo”.
Xurxo Souto reiteroulle os agradecementos á Deputación “por ponderar e difundir este gran cántico colectivo”. “Desde logo”, continuou, “hai trinta anos non pensabamos que a Deputación nos ía apoiar, pero si nos apoiou esta, que, como representación de todas, fixo de altofalante para este cántico”. Para o músico e profesor, o documental e a xira de proxeccións “son unha celebración da creatividade, pero da creatividade en colectivo, que é a clave de todo, a forma subversiva”. “O filme é xa fermosísimo desde a forma, en clave total de modernidade, cun acabado extraordinario, con momentos absolutamente emocionantes”, rematou.
As proxeccións
- 4 de novembro. Rois. CPI Os Dices. 16.45 h.
- 6 de novembro. Zas. IES Maximino Romero de Lema, en Baio. 12.45 h.
- 7 de novembro. Ordes. Auditorio da Casa da Cultura. 20.00 h.
- 8 de novembro. Culleredo. Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. 19.30 h.
- 8 de novembro. Sada. Capela de San Roque. 20.00 h.
- 8 de novembro. Curtis. Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro. 21.00 h.
- 8 de novembro. Porto do Son. Casa da Cultura de Portosín. 21.00 h.
- 9 de novembro. Miño. Auditorio do Centro Social da Rúa. 19.30 h.
- 13 de novembro. A Laracha. Casa da Cultura. 13.00 h.
- 14 de novembro. Carral. Casa da cultura. 20.00 h.
- 14 de novembro. Neda. Biblioteca Municipal 19.00 h.
- 14 de novembro. Negreira. Auditorio Afonso Eanes de Cotón. 20.30 h.
- 15 de novembro. Porto do Son. Casa da Cultura de Porto do Son. 21.00 h.
- 16 de novembro. Muros. Centro Cultural e xuvenil. 20.30 h.
- 16 de novembro. Outes. Auditorio da Casa da Cultural. 20.00 h.
- 16 de novembro. San Sadurniño. Casa da cultura. 19.30 h.
- 16 de novembro. Betanzos. Cine Alfonsetti. 20.00 h.
- 19 de novembro. Arzúa. EFA Piñeiral. 12.20 h.
- 21 de novembro. Ribeira. Auditorio Municipal. 11.30 h.
- 21 de novembro. Cedeira. Auditorio Municipal. 11.30 h.
- 22 de novembro. Corcubión. Capela de Pilar. 20.00 h.
- 23 de novembro. Malpica. Auditorio do Centro Cívico. 20.00 horas
- 29 de novembro. Melide. Centro Sociocultural Mingos de Pita. 20.00 h.
- 29 de novembro. Carnota. Salón de actos do Concello. 21.00 h.
- 30 de novembro. Boiro. Centro Social. 19.30 h.
- 30 de novembro. Muxía. Salón do Voluntariado. 20.00 h.