Os Impresentables de Vimianzo presentes no novo documental sobre os 30 anos do Bravú

O 31 de outubro de 1994 na Taberna Caballero, na aldea de Viana, en Chantada, no marco do desenvolvemento da primeira edición do Festival Castañazo Rock, unha serie de bandas do país acuñaban o termo "Bravú". Nese banquete estaban presentes membros dos Os Bocheciñas (A Coruña-Vigo-Potugal), Os Skornabois (VIlanova de Lourenzá e Mondoñedo), Os Papaqueixos (A Coruña), Os Diplomáticos de Monte Alto (A Coruña), Yellow Pixoliñas (Monforte), Vergalludos (A Coruña), O Caimán do Río Tea (Ponteareas) e os Rastreros (Chantada), e por suposto, Os Impresentables de Vimianzo.

Non faltarán os irmandiños en "Bravú XXX", un filme documental realizado por Nós Televisión, que conmemorará o trinta aniversario do bravú. Benxamín Queiro, un bo Impresentable, forma parte do elenco de personalidades desta peza documental que coordina e guía o gran Xurxo Souto.
O audiovisual, dunha hora de duración, poderá verse en primicia o venres 25 de outubro ás 20:00 horas, no Auditorio Muncipal de Chantada, nun evento aberto a todos os públicos e que contará coa presentación e coloquio do propio Xurxo Souto e de Juan Camilo Gómez, máis coñecido como Richi dos Rastreros. A partir de aí, o documental proxectarase en numerosos puntos da xeografía de todo o país ao longo do mes de novembro, antes de que en decembro se poida ver en aberto na canle de youtube de Nós Televisión, en Movistar Plus+ para todo o Estado español e en R para toda Galicia.
BRAVÚ XXX é un audiovisual feito co apoio institucional do Concello de Chantada, do Concello de Pontevedra, da Deputación da Coruña, do Concello da Coruña, do Concello de Santiago e do Concello de Carballo.