Unha viaxe á historia do Bravú na Costa da Morte
Corrían os primeiros anos 90 e Galicia vivía unha explosión de música contemporánea. As guitarras comezaban a chegar ás casas das aldeas e as rancheras da verbena comezaban a maridar cos temas de Siniestro Total ou os de Clash. A Costa da Morte non era allea e ducias de rapaces se puxeron a tocar nos galpóns.
De súpeto, como cogumelos, comezaron a agromar bandas que combinaban eses son cañeros co uso da lingua galega. O orgullo lingüísitico xa era, en si, un perfecto vínculo dende o que se podería artellar un movemento cultural. E coa necesidade de xuntarse e de crear a súa propia etiqueta, as bandas galegas crearon no 1994 o concepto do rock “Bravú”, do rock “sen capar”.
Foi no ano 94, precisamente o ano da primeira emisión do Xabarín Club na TVG, cando se creou esa etiqueta. Foi unha noite do 31 de outubro de 1994, a noite antes do II Castañazo Rock de Chantada, nunha bacanal de cocido e licor café, cando se asinou o chamado “manifesto de Viana” (pola Taberna chantaina onde se celebrada o banquete), co que se formaliza o concepto Bravú.
Nese banquete estaban Os Bocheciñas (A Coruña-Vigo-Potugal), Os Skornabois (VIlanova de Lourenzá e Mondoñedo), Os Papaqueixos (A Coruña), Os Diplomáticos de Monte Alto (A Coruña), Yellow Pixoliñas (Monforte), Vergalludos (A Coruña), O Caimán do Río Tea (Ponteareas) e os Rastreros (Chantada), e por suposto, Os Impresentables de Vimianzo.
Mentres o Xabarín Club (coas luces e sombras naqueles tempos xa que dende a TVG non se lle fixo caso a todas as bandas) encumbraba entre a mocidade a moitas destas bandas (aínda se oen os ecos do Xabarín coa creación dunha canle infantil e Xuvenil na TVG) comezaron a crearse proxectos comúns, como o que cristalizaba no disco “Unión Bravú” (1996) e na revista “Bravú” (1997).
Antes, en 1993, xa estaba nas tendas o vinilo “Rock Na Costa Da Morte”, o primeiro gran bombazo deste movemento na comarca despois de varios anos ofrecendo concertos e festas por toda a comarca. Un disco fraguado entre Cerceda e O Couto, gravado por Pablo Calleriza e Alejandro Casteleiro, que se financiou co concerto de presentación na Sala A Vieira (Ponteceso), onde tocaron todas as bandas e se conseguiron recaudar 800.000 pesetas.
O disco trae os seguintes temas:
- Oscura es la vida (La Crema, de Carballo).
- Por qué me tuvo que pasar (Desertores do Arado, de Cerceda).
- Maruxa (Os Impresentables, de Vimianzo).
- Cando algo funciona mal (Malavida, da Laracha).
- Por la senda del sol (Troleblues, de Laxe).
- O home bala (Zënzar, de Cerceda).
- No teu rostro (Zënzar).
- En cuarentena (Troleblues).
- Un 9 de agosto (Malavida).
- Enséñame a hacer el amor (Os Impresentables).
- Hombres solitarios (Desertores do Arado).
- Dark Lights (La Crema).
Pero son moitos máis as bandas que formaron parte desta onda musiqueira costeira, facendo grandes xestas en espazos como a Sala As Airas (Carballo), a Disco Canal 36 (Malpica), Pub Komic (Baio), O Hilton (Vimianzo), o Pub Túnel (Santa Comba), a Disco Enredos (Laxe)… ou en festivais como a Festa das Letras do Couto, ou o I Concerto Rock Costa da Morte celebrado en Laxe.
Aquí facemos unha colleita que esperamos nos axudedes a completar, para ademais ir debulando a historia de cada banda:
- Os Impresentables (Vimianzo).
- La Crema (Carballo).
- Zënzar (Cerceda).
- Desertores do Arado (Cerceda).
- Trouleblues (Laxe).
- The Sastre (Laracha)
- Malavida (A Laracha).
- Os Trámites (Carballo).
- Cen-tolos (Laxe).
- SobreKarga (Ponte do Porto).
- Papirus (Fisterra).
- Ke-Lanse (Camariñas).
- The Lirios (Santa Comba).
- Papirus (Fisterra).
Contidos audiovisuais sobre o Bravú
- UVigo TV: O movemento bravú.
- Documental “Galiza Bravú”.
- GzMusica: 20 anos do Bravú en Cans.
Galiza Bravú from Xaime Miranda on Vimeo.