Economía Municipal. Reforma do financiamento local

A permanente tensión entre necesidade de gasto e escaseza de recursos constitúe un dos principais problemas dos nosos municipios. Esta afirmación, que é compartida por moitos alcaldes e numerosos expertos, evidencia a necesidade de melloras no vixente modelo de financiamento local. Neste sentido, o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Abel Caballero, anunciou fai uns días que este organismo iniciará os traballos de elaboración dunha norma que se ocupe desta cuestión.
En espera de que se fagan públicas as liñas mestras que concreten as medidas do proxecto, non é preciso advertir que unha reforma desta natureza esixirá elevado consenso; porque ningún cambio transcendente pode dar resultados duradeiros se non é capaz de acadar pactos básicos. E para iso, hai determinados aspectos que se consideran irrenunciables, como dotar de maior intensidade os principios de suficiencia e autonomía financeira, mediante unha adecuada distribución entre tributos propios e transferencias, e permitindo, aos gobernos locais, facultades normativas que melloren a soberanía fiscal. Pero, ademais, deberase considerar tamén que os incrementos na presión tributaria conteñen certos límites, en termos de equidade e de actividade económica, polos efectos adversos que provoca sobre a xustiza distributiva e sobre o nivel de renda. Porque, os tributos non son instrumentos deseñados para sacarlle aos contribuíntes cartos sen máis, senón para repartir con xustiza a carga fiscal. Esperemos que o deseño do novo modelo de financiamento municipal permita a sustentabilidade da prestación dos servizos, e que xunto á suficiencia conteña aspectos relevantes como autonomía, eficiencia, equidade, responsabilidade fiscal e lealdade institucional.
  • Domingo Guerra (domingoguerra@quepasanacosta.com). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.
 

Outros artigos sobre Economía Municipal de Domingo Guerra

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).