“O emprego que chega co verán non pode tapar a precariedade estrutural”
- A comarca pecha xuño con 3.841 persoas desempregadas, 201 menos que en maio e 591 menos que en xaneiro
Chegaron os novos datos do paro, e como era de esperar o mes de xuño foi positivo. A Unión Sindical Obreira —USO— valora positivamente o descenso do paro rexistrado na Costa da Morte pero advirte de que "a mellora mensual responde en boa medida ao efecto estacional propio do inicio do verán, especialmente nos sectores vinculados ao turismo, hostalaría, servizos e actividade comercial".
Nese sentido, lembra que "boa parte da creación de emprego que se produce nestas datas está marcada pola precariedade, pola temporalidade, os contratos de curta duración, as xornadas parciais non sempre voluntarias e a sobrecarga de traballo en sectores onde a inspección e o control das condicións laborais seguen sendo imprescindibles".
Os datos
- Paro rexistrado en xuño na Costa da Morte: 3.841 persoas.
- Comparativa con maio: 201 persoas desempregadas menos.
- Comparativa con xaneiro: 591 persoas desempregadas menos, cando a comarca sumaba 4.432 persoas paradas
- Concello con máis paro: Carballo, con 1.502 persoas desempregadas.
- Maior descenso mensual por concellos: Cabana, Camariñas e Malpica, con 22 persoas menos cada un.
- Único concello da zona con subida mensual: Corcubión, con 4 persoas máis no paro.
Por zonas, Bergantiños continúa concentrando o maior volume de desemprego, con 2.525 persoas paradas en xuño, aínda que rexistra unha baixada de 106 persoas respecto a maio. Dentro desta comarca, Carballo segue sendo o concello con máis persoas desempregadas, con 1.502, malia reducir o paro en 19 persoas no último mes.
Na comarca de Fisterra, o paro sitúase en 671 persoas, con 36 menos que en maio. O descenso prodúcese en Cee, Dumbría, Fisterra e Muxía, mentres que Corcubión aumenta en 4 persoas desempregadas, sendo a nota negativa do mes na zona.
En Terra de Soneira, xuño remata con 436 persoas desempregadas, o que supón unha baixada de 44 persoas respecto ao mes anterior. Camariñas, Vimianzo e Zas reducen o paro, con especial incidencia en Camariñas, que baixa en 22 persoas. En Mazaricos, integrado na comarca do Xallas, o paro queda en 84 persoas, con 7 menos que en maio.
Desde USO sinalan que “a baixada do paro é unha boa noticia para as familias traballadoras da Costa da Morte, pero non pode ocultar que seguimos ante un mercado laboral feble, moi dependente da campaña estival e con demasiados empregos de usar e tirar”.
A organización sindical reclama ás administracións públicas e ao tecido empresarial “un cambio real de modelo” que permita xerar emprego estable, con salarios dignos, conciliación, prevención de riscos laborais e respecto aos convenios colectivos.
USO tamén chama a reforzar a actuación da Inspección de Traballo nos sectores con maior actividade durante a tempada estival, especialmente hostalaría, comercio, servizos, limpeza, seguridade privada, atención sociosanitaria e actividades auxiliares, co obxectivo de evitar abusos, exceso de xornada, horas extras sen pagar, incumprimentos de descansos e contratación fraudulenta.