O festival Terra Fest, un latexo de Galicia que ilumina Xenebra
O pasado fin de semana, a Salle Communale d´Onex transformouse nun recanto vivo de Galicia. A segunda edición do Terra Fest regresou con forza, cunha enerxía arrebatadora que fixo vibrar a un aforo entregado de 300 persoas. Foi unha noite que quedará gravada na memoria da diáspora galega en Suíza. Música, emoción, identidade e orgullo compartido baixo un mesmo teito.
Dende Galicia, esa terra atlántica de personalidade indomable, chegaron catro das propostas máis frescas e innovadoras do panorama actual: Loita Amada, Alana, Kike Varela e De Ninghures. Entre o folk moderno, o pop alternativo e a electrónica, estes artistas representan a esa nova xeración que está a revolucionar os festivais da península e a conquistar Europa coa súa creatividade e presenza escénica. A súa chegada a Xenebra non foi só unha actuación; foi unha declaración de intencións, unha mostra de que Galicia está moi viva e continúa exportando talento con personalidade propia.
Detrás deste éxito hai un nome que cómpre pronunciar con admiración: A Irmandade Galega na Suíza. O traballo desta sociedade é, simplemente, incalculable. Cada evento, cada actividade, cada encontro cultural leva consigo un esforzo inmenso, horas de dedicación altruísta e un compromiso férreo coa comunidade. Son eles quen manteñen acesa a chama da galeguidade alén das fronteiras, nun momento no que o relevo xeracional se fai cada vez máis complicado. Mais non están sós nesta misión. A Roda de Lausanne e Galiza Celta Delémont acudiron ao Terra Fest para arroupar ao grupo anfitrión, enchendo o escenario co mellor do seu repertorio tradicional. Estas sociedades souberon unir forzas, tecer redes e crear pontes que fortalecen a diáspora. A cooperación, a irmandade e o espírito común que comparten son o motor que permite que a cultura galega siga viaxando, emocionando e creando comunidade en Suíza.
Este espírito colaborativo traspasa incluso as fronteiras helvéticas. Tanto é así que o Terra Fest e o emblemático festival EmigraSon, celebrado en Bruxelas, decidiron camiñar da man. A terceira edición do festival belga contou coa presenza de integrantes de A Roda de Lausanne, e nesta ocasión, oito dos dez organizadores de EmigraSon desprazáronse a Xenebra para apoiar á Irmandade e deseñar novos proxectos conxuntos. Froito desta alianza, A Irmandade Galega na Suíza e A Roda de Lausanne participarán na IV edición do EmigraSon, amenizando a tradicional foliada, toda unha festa previa que anticipa o espírito do propio festival.
A noite contou tamén cun invitado moi especial: o alcalde de Xenebra, o cormelán Alfonso Gómez, quen non quixo perderse esta celebración que o conecta coas súas raíces. Compartiu conversa e emocións con veciños da Costa da Morte e co resto da comunidade galega, coa que mantén unha relación profunda e sincera. Tanto é así que, nas dúas investiduras que leva como alcalde, contou coa Irmandade para encher as rúas da cidade de música galega nun día tan sinalado para el.
Para Noemí Figuerola, presidenta da entidade, organizar un evento deste tipo non é tarefa doada.
“Este formato aínda é moi novedoso; a xente segue tendo moi presente o concepto de cea-baile con orquestra”, recoñece.
Pero lonxe de desanimarse, a Irmandade continúa firme e incansable, para ofrecer ao público suízo e non suízo o máis actual e vibrante da música galega porque Terra Fest non é só un festival; é un punto de encontro, unha ponte cultural, unha festa identitaria, unha xanela aberta cara a Galicia. Grazas a estas sociedades, a Galicia da diáspora non é só recordo; é presente, é movemento, é comunidade. Terra Fest é, en definitiva, unha proba máis de que cando a galeguidade se xunta, todo é posible.
Kike Varela, natural de Santiago de Compostela e residente en Porto do Son, é hoxe unha das novas promesas da música electrónica en Europa. Comezou a súa traxectoria aos 16 anos, guiado por unha forte paixón polas mesturas e polos sons máis innovadores. Dende entón, o seu crecemento foi constante, compartindo cartel con referentes internacionais como Steve Aoki ou Timmy Trumpet e levando o seu estilo cheo de enerxía a numerosos escenarios europeos. Con cada actuación, Kike Varela confirma que o talento galego pode destacar con forza na escena electrónica global. O Terra Fest foi a súa segunda actuación en Suiza e, por suposto, non defraudou.
De Ninghures emerxe como unha das propostas máis reveladoras da escena recente. Desde o seu debut en 2022 co álbum Aquí, o grupo consolidou un camiño marcado pola experimentación e a autenticidade. Definidos como “mozos dos 90”, creceron escoitando tanto a Berrogüetto ou Milladoiro como a músicas diversas do mundo, desde o Magreb e o rock saharauí ata melodías cubanas. Este eclecticismo alimenta unha proposta que combina tradición galega e creación contemporánea cunha mirada global e sen prexuízos. Cada integrante converte a De Ninghures nunha aposta ideal para quen busca experiencias musicais auténticas, arraigadas pero innovadoras. O seu proxecto convida a unha viaxe sonora onde conviven a raíz, a modernidade e unha paixón absoluta pola arte.
LOITA AMADA é un grupo galego xurdido en 2022 a partir da unión entre a canción protesta e un rock intenso e enérxico. Fundado por Pablo Carracedo Jásper, o proxecto caracterízase polo seu forte compromiso social, a súa conexión coa cultura galega e unha evolución musical constante. Tras un primeiro disco acústico con influencias tradicionais, Viva a Loita Amada Revolucionaria (2022), a banda deu un xiro cara a un son máis contundente en Rematou ou Simulacro (2023). Este álbum consolidou o seu estilo combativo con guitarras afiadas, unha sección de ventos poderosa e letras políticas e emocionais. A súa formación inclúe a Jásper (voz e guitarra), Davide Salgado (guitarra), Alberte Fernández (baixo), Xiana Naval (trombón), Ana Cuñarro (trompeta) e Amós Varela (batería), creando un son que fusiona rock, punk, ska e ritmos tradicionais galegos. LOITA AMADA destaca por levar o compromiso ao escenario con cancións que evocan memorias silenciadas e transmiten unha esperanza colectiva.
Alana é un proxecto musical galego formado por Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro, que fusiona a música tradicional con ritmos electrónicos e pop. O grupo fundamenta o seu traballo nas recollidas de cancións transmitidas por numerosas mulleres e homes que, de xeito desinteresado, contribuíron á preservación da cultura musical galega. O seu primeiro disco, O xeito á cántigha, toma o nome dunha gravación realizada hai máis de corenta anos pola suiza Dorothé Schubarth a Delfina de Cerceda, quen explicaba como dar “o xeito” ás melodías das muiñeiras e das xotas. Alana destaca pola creación dunha identidade sonora única, na que as conversacións e relatos das informantes teñen un papel tan importante como as propias melodías. O seu estilo persoal e a forte conexión coa tradición e co baile levounos a compartir escenario con artistas como Rodrigo Cuevas ou Casapalma e a participar nas principais citas musicais de Galicia e doutros puntos da península.
Esta segunda edición do Terra Fest pecha así cun éxito rotundo, convertido xa nun referente imprescindible para entender como a diáspora galega segue creando cultura, comunidade e futuro máis alá das nosas fronteiras. O festival medra cada ano grazas á paixón, ao rigor e á entrega desta sociedade que o impulsa con tanto agarimo. O seu traballo vén de abrir unha nova etapa marcada pola chegada do EmigraSon, unha alianza que non só fortalece a colaboración entre Suíza e Bélxica, senón que confirma que a diáspora galega está a construír proxectos culturais sólidos, innovadores e con proxección internacional.
Por iso, hoxe máis ca nunca, cómpre facer un chamamento a todas as institucións, empresas e entidades, galegas e europeas, para que apoien e se impliquen no que aquí está a acontecer. Porque detrás deste festival hai un grupo de xente cunhas raíces fondas e vivas, auténticos embaixadores de Galicia no exterior, que traballan de xeito incansable para levar a nosa lingua, a nosa música, a nosa gastronomía e a nosa identidade a novos escenarios. O seu esforzo merece ser recoñecido, acompañado e reforzado.
Entre todas e todos podemos seguir sumando, seguir tecendo pontes e seguir construíndo grandes cousas desde a diáspora. Terra Fest demostra que cando a galeguidade se organiza, coopera e soña, Galicia latexa máis forte ca nunca, estea onde estea.