GDR Costa da Morte pon en marcha un programa de cursos formativos gratuítos ao longo de 2025
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte lanza unha nova programación de formacións prácticas dirixidas a persoas emprendedoras, produtoras e profesionais do medio rural, que se desenvolverán ao longo de todo o ano 2025 en distintos concellos do territorio.
A oferta formativa abrangue tres áreas clave:
- Caderno Dixital Agrario: cursos orientados a ensinar o manexo do caderno de campo dixital, ferramenta xa obrigatoria para moitas explotacións agrarias.
- Elaboración de Conservas Vexetais: obradoiros prácticos sobre técnicas de conservación, seguridade alimentaria e etiquetado de produtos vexetais elaborados artesanalmente.
- Transición da Agricultura Convencional á Ecolóxica: formación técnica centrada nos procesos, requisitos normativos e oportunidades que ofrece a agricultura ecolóxica.
As accións formativas comezarán en xuño e estenderanse ata outubro. Os cursos son de balde, con prazas limitadas, e requiren inscrición previa. Xa están abertas as inscricións para os primeiros talleres, que terán lugar en:
- Muxía (Agricultura Ecolóxica – inicio previsto para o martes 3 de xuño)
- Dumbría (Caderno Dixital – inicio previsto para o mércores 4 de xuño)
- A Laracha (Agricultura Ecolóxica – inicio previsto para o xoves 5 de xuño).
Esta iniciativa enmárcase na estratexia do GDR Costa da Morte para promover a sustentabilidade, o emprendemento e a valorización do medio rural, dentro do programa LEADER PEPAC 2023-2027.
Máis información e inscricións:
Sección “Outros proxectos - Formación 2025” da web do GDR: www.gdrcostadamorte.com gdrcostadamorte@gdrcostadamorte.com | 981 71 73 58