O IES de Baio marcha de excursión pola Ruta das Antas

A semana pasada inauguouse no IES Maximino Romero de Lema a exposición itinerante, As Antas da Costa da Morte, a través da cal realizan un percorrido polos monumentos fúnebres do megalitismo na Costa da Morte. Cedida polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) é un completo traballo de divulgación no que se explican elementos da cultura: as antas que forman parte da nosa paisaxe e que aínda hoxe descoñecemos.

A mostra está constituída por 20 paneis que se inician cun mapa no que se ilustra toda a riqueza arqueolóxica da parte central e oriental da Terra de Soneira, marcando como camiño principal a chamada Vía Arqueolóxica. No resto aparecen excelentes fotografías con información sobre estas construcións de carácter funerario: Pedra Vixía, Pedra da Moura, Pedra da Arca, Pedra Cuberta, Arca da Piosa, a Mina de Recesindes, a Mina de Parxubeira, a Pedra da Lebre ou Dombate son algúns exemplos dos 14 monumentos dos que se propón a súa visita.

O alumnado coñeceraos primeiro a través da exposición seguindo unha unidade didáctica elaborada dende o Departamento de Historia; posteriormente, na primavera, algúns dos cursos achegárase in situ para apreciar esta parte da súa herdanza cultural.

A mostra, que ten a súa orixe no libro Polas antas e mámoas da Costa da Morte de Xosé María Lema Suárez, pode visitarse no Centro en horario lectivo ata o próximo 28 de xaneiro. Unha vez máis dende o Centro aplauden "iniciativas deste tipo que permiten coñecer o noso patrimonio: só así poderemos defendelo das agresións constantes e difundir a súa historia para non perder a esencia como pobo".