Íntegro pon en marcha un novo programa para fomentar a reciclaxe e a inclusión social entre a mocidade

A sede da asociación Íntegro, situada en Nantón - Cabana de Bergantiños -,  acolleu onte a presentación do proxecto BOOR, unha iniciativa artística que busca combinar arte e sostibilidade. Durante o obradoiro, impartido pola responsable da empresa, as persoas participantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto esta innovadora proposta encamiñada á creación de pezas únicas a partir de materiais recollidos nas praias, como boias e flotadores abandonados, fomentando así a reciclaxe e a conciencia ambiental. Así mesmo, os integrantes do noso grupo xuvenil realizaron un pequeno taller empregando a técnica de debuxo que emprega para as súas creacións artísticas.

Esta acción forma parte do programa de actividades xuvenís Reacciona, posto en marcha o pasado mes de maio. Trátase dunha iniciativa promovida coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, que ten como obxectivo principal concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos para o coidado do medio ambiente, promovendo ao mesmo tempo a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

"Reacciona" nace como resposta á necesidade de integrar á mocidade nun modelo de desenvolvemento sostible, apostando pola educación ambiental e a colaboración entre entidades sociais e ambientais. As actividades, que se desenvolverán entre xullo e setembro, inclúen visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais do sector da reciclaxe e da economía circular.

Con este programa, Íntegro reafirma o seu compromiso coa xuventude, o medio ambiente e a igualdade de oportunidades, favorecendo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.

As prazas son limitadas e xa está aberto o prazo de inscrición a través do teléfono 981 734 985 ou do mail: info@integro.es.