Marcos Rodríguez e Criss Becerra, premiados nos prestixiosos Premios LUX 2025

Marcos Rodríguez e Cris Becerra

A fotografía da comarca de Bergantiños volveu destacar a nivel estatal na 33ª edición dos Premios LUX, os galardóns máis recoñecidos da fotografía profesional en España. Dous autores vinculados ao territorio —Cristina Becerra (Buño) e Marcos Rodríguez (natural de Carballo e residente en Cee)— foron premiados en distintas categorías, reafirmando o excelente momento que vive a fotografía galega.

Cristina Becerra, LUX de Ouro en Reportaxe Social

A fotógrafa Cristina Becerra, natural de Buño e con estudo en Carballo, obtivo o LUX de Ouro na categoría de Reportaxe Social pola obra “Lembranza”. Nesta serie, Becerra retrata con naturalidade e sensibilidade o ambiente relaxado dun grupo de nenas que acompañan a unha amiga o día da súa primeira comuñón, capturando a espontaneidade e a emoción propias dese momento.
“Recibir este premio é para min un estímulo e un impulso para seguir mellorando o meu traballo; ao mesmo tempo, unha oportunidade para que chegue a máis persoas que aínda non coñecen a miña obra” explica Becerra.

Lembranza de CrissBecerra


Marcos Rodríguez, LUX de Bronce en Fotografía Documental

Pola súa, parte o carballés foi recoñecido co LUX de Bronce na categoría de Fotografía Documental pola serie “Á hora de onte”. O conxunto, formado por doce imaxes, rende homenaxe á vida no rural a través de Virginia (86) e Manolo de Perucho (92), reivindicando a dignidade do traballo cotián e esa forma de vivir sen présa pero sen descanso tan presente en Galicia.
Con este galardón, Rodríguez alcanza o seu sexto Premio LUX, consolidándose como unha das voces documentais máis constantes do panorama fotográfico galego.

Unha das imaxes da serie "Á hora de onte" de Marcos Rod.
Outra foto de "Á hora de onte" de Marcos Rod,
Outra foto de "Á hora de onte" de Marcos Rod.

Máis novas