Marcos Rodríguez e Criss Becerra, premiados nos prestixiosos Premios LUX 2025
A fotografía da comarca de Bergantiños volveu destacar a nivel estatal na 33ª edición dos Premios LUX, os galardóns máis recoñecidos da fotografía profesional en España. Dous autores vinculados ao territorio —Cristina Becerra (Buño) e Marcos Rodríguez (natural de Carballo e residente en Cee)— foron premiados en distintas categorías, reafirmando o excelente momento que vive a fotografía galega.
Cristina Becerra, LUX de Ouro en Reportaxe Social
A fotógrafa Cristina Becerra, natural de Buño e con estudo en Carballo, obtivo o LUX de Ouro na categoría de Reportaxe Social pola obra “Lembranza”. Nesta serie, Becerra retrata con naturalidade e sensibilidade o ambiente relaxado dun grupo de nenas que acompañan a unha amiga o día da súa primeira comuñón, capturando a espontaneidade e a emoción propias dese momento.
“Recibir este premio é para min un estímulo e un impulso para seguir mellorando o meu traballo; ao mesmo tempo, unha oportunidade para que chegue a máis persoas que aínda non coñecen a miña obra” explica Becerra.
Marcos Rodríguez, LUX de Bronce en Fotografía Documental
Pola súa, parte o carballés foi recoñecido co LUX de Bronce na categoría de Fotografía Documental pola serie “Á hora de onte”. O conxunto, formado por doce imaxes, rende homenaxe á vida no rural a través de Virginia (86) e Manolo de Perucho (92), reivindicando a dignidade do traballo cotián e esa forma de vivir sen présa pero sen descanso tan presente en Galicia.
Con este galardón, Rodríguez alcanza o seu sexto Premio LUX, consolidándose como unha das voces documentais máis constantes do panorama fotográfico galego.

