O Apalpador e Papá Noel van á escola

O Apalpador visitou varios centros educativos de Bergantiños Continúan o seu percorrido pola Costa da Morte dúas das figuras máis importantes do Nadal: o Apalpador e Papá Noel. O carboeiro do Courel estivo en Corcubión e tamén en varios colexios da comarca de Bergantiños grazas ás xestións da asociación ambiental Senda Nova. Así, esta semana os centros educativos de Coristanco, A Agualada e o colexio san Luís Romero de Carballo recibiron a visita do Apalpador quen convidou a castañas aos nenos e nenas. O Apalpador e os máis pequenos falaron sobre o lobo ibérico; unha especie emblemática do ecosistema galego que é rexeitada pola sociedade en múltiples ocasións. Durante estes días, o Apalpador deixarase ver polas distintas vilas de Bergantiños e como é tradicional, despedirase da súa visita á Costa da Morte coa baixada dende o Pico de Meda ata o local social do Santiaguiño de Carreira (en Zas) o vindeiro 8 de xaneiro.
O pasado domingo tivo lugar na escola unitaria de Oza unha xornada de xogos tradicionais organizada por Senda Nova Mentras o Apalpador continúa coa súa visita pola Costa da Morte, en Senda Nova continúan coa programación do 4º Inverno Ancestral. Así o pasado domingo, día 18, organizaron unha xornada de xogos e xoguetes tradicionais na escola unitaria de Oza na que participaron máis de 50 persoas. E onte comezaron en Verdillo as Historias de Inverno na que os protagonistas dos faladoiros foron os veciños e veciñas do lugar.   Festival de Nadal
Os alumnos e alumnas do CEIP da Igrexa de Brens celebraron onte o festival de Nadal Onte foron varios os centros educativos da Costa da Morte os que celebraron o seu festival de Nadal con motivo do remate do trimestre. Un desles foi o CEIP da Igrexa de Brens que celebrou a súa particular festa no salón de actos da casa da Cultura de Brens onde non faltaron as panxoliñas, unha obra de teatro e a intrepretación de varios instrumentos musicais. Ademais, os alumnos e alumnas tiveron un recordo para os empregados de Ferroatlántica e pediron como agasallo de Nadal que non vendan as centrais para que os seus pais e nais teñan un emprego.
Papá Noel percorreu onte Vimianzo Papá Noel deixouse ver onte de novo pola Costa da Morte, principalmente no concello de Vimianzo. Estivo un bo anaco cos nenos e nenas da Piroga, na parroquia vimiancesa de Bamiro e tamén visitou o CEIP San Vicenzo e a escola unitaria de Carantoña. Festival de música en Cee
A casa da Cultura de Cee acolleu onte o concerto de Nadal da Escola de Música. Imaxe: Rafael Quintáns A Escola de Música de Cee ofreceu onte o seu tradicional festival de Nadal na casa da Cultura de Cee. Foron moitos os pais e nais os que quixeron ver este concerto. Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)