Paseniño e Un Paso Máis afianzan as súas actividades

Obradoiros nos campamentos de Paseniño

Se esta fin de semana estivemos en Sardiñeiro celebrando o Día da Diversidade coa Plataforma Reiseñores, outras das entidades que mellor traballan coa discapacidade cobran protagonismo. Falamos de Paseniño, verdadeira referencia no sur da comarca, e de Un Paso Máis, que está traballando arreo na banda de Bergantiños.

O necesario Campamento de Paseniño

A Asociación Paseniño continúa desenvolvendo, con moi boa acollida por parte das familias da comarca, unha nova edición do seu Campamento Cultural Inclusivo de Verán. A iniciativa ofrece un espazo adaptado no que a infancia e a adolescencia con necesidades de apoio poden desfrutar do lecer, compartir experiencias, relacionarse e participar na comunidade durante as vacacións escolares.

Desde o pasado 29 de xuño, as persoas participantes desfrutan dunha programación variada que combina obradoiros creativos, actividades deportivas, xogos de mesa, música e baile, ademais de propostas especiais como a visita da Policía Local e do Servizo de Bombeiros, que, un ano máis, foi recibida con grande entusiasmo.

O campamento responde a unha necesidade real das familias. A medida que aumenta a idade, e especialmente durante a adolescencia, redúcese considerablemente a oferta de actividades inclusivas e adaptadas. As necesidades de acompañamento, socialización, ocio e participación continúan durante todo o ano e fanse especialmente visibles nos períodos nos que non hai actividade escolar.

Ademais de ofrecer unha proposta de ocio educativo, o campamento constitúe un importante recurso de conciliación e respiro familiar, especialmente para os fogares nos que existen maiores necesidades de apoio e poucas alternativas adaptadas durante as vacacións.

Campamento de Paseniño no Raíces

Paseniño aposta por un modelo no que cada participante poida contar cos apoios que precise. Ao mesmo tempo, as actividades desenvólvense en espazos compartidos por persoas con e sen diversidade, favorecendo unha convivencia natural baseada no respecto, na colaboración e na igualdade de oportunidades. Para a entidade, avanzar cara a unha sociedade inclusiva require crear desde a infancia contornas nas que a diversidade estea presente e todas as persoas poidan participar.

Tras a boa acollida destas primeiras semanas, a entidade continuará coa programación durante o resto do verán, reafirmando o seu compromiso cun ocio accesible, inclusivo e adaptado, no que cada persoa poida participar, aprender, relacionarse e desfrutar.

Protector solar sostible con Un Paso Máis

Pola súa parte, Agrupación Deportiva Un Paso Máis (UPM) celebrou hoxe con grande éxito de acollida o seu taller práctico “Eco Sun Cream”, unha iniciativa deseñada para promover o coidado da pel durante os meses de verán mediante alternativas naturais e ecolóxicas.

A actividade desenvolveuse nas instalacións cedidas pola parroquia de Carballo, situadas detrás da igrexa, converténdose nun punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas na sostibilidade e no autocoidado. Durante o obradoiro, as e os participantes puideron aprender paso a paso a elaboración propia dunha crema solar respectuosa co medio ambiente e libre de compoñentes químicos agresivos.

Máis novas