Reiseñores quere institucionalizar o Día da Diversidade da Costa da Morte mentres anuncia a creación da "Consulta PorTea" no HVDX
"Non podemos construír un mundo inclusivo senón incluímos no noso facer cotiá a unidade e a xenerosidade". Con esta premisa, a Plataforma Reiseñores leva proclamando nos últimos 3 anos o 12 de Xullo como «Día da Diversidade da Costa da Morte». E así o celebrou este pasado domingo, de novo en Sardiñeiro, capital comarcal da reivindicación da diversidade.
Foi un día de "di-versos, emocións e de unidade e xenerosidade". A poeta e membro de Reiseñores Jacinta Louzán (Chinta), Charo López desde Aspadex, Xaime Trillo poeta de Dumbría, Felisa Fernández e Álex López de Reiseñores fixeron da palabra verso e do verso manifesto, debullando un domingo onde o "di-verso" foi o protagonista e onde quedou estampada a pegada dos asistentes nunha pancarta colectiva para que quede constancia na nosa memoria común este 12 de Xullo de 2026.

Resaltaron á importancia de reivindicar o noso dereito a Ser e Estar e que non se escatimen recursos para que as persoas con NEE poidan gozar da vida coa maior autonomía posíbel en todas as etapas da súa vida.
Desde Reiseñores anunciaron, no propio acto, que van traballar para que este día se consolide como «Día da Diversidade Da Costa Da Morte» e que incluso se institucionalice. Para iso teñen formulado impulsar distintas iniciativas ao longo do ano.
Consulta PorTea no Hospital
Destacou Álex López a importancia da unidade e da xenerosidade. "Non podemos construír un mundo inclusivo senón incluímos no noso facer cotiá a unidade e a xenerosidade". "Froito desa unidade e xenerosidade a Asociación Paseniño, Asociación ASPADEX Plataforma "Reiseñores" Nee/Neae Costa da Morte, e a Asociación Galega de Atención Temperá (SAT) co asesoramento do Servizo de Pediatría, anunciamos que no Hospital Virxe da Xunqueira estase a desenvolver unha "Consulta PorTea", explicou. "Unha Consulta específica e adaptada para persoas autistas. Un primeiro paso que forma parte dunha iniciativa que se irá ampliando a medida que se vaia desenvolvendo"
"Desde Reiseñores queremos dar o noso máis sincero agradecemento a todas persoas, políticos, poetas, entidades, alcaldías, concellerías de Servizos Sociais e ao Concello de Fisterra, que apoiaron e se achegaron a estar connosco".
