O PP volve negar máis profesorado especializado para os centros de ensino de Cee e Muxía
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, volveu levar á Comisión 4ª de Educación e Cultural do Parlamento galego este mércores 12 de novembro a problemática dos recortes de profesorado especializado en alumnado con necesidades específicas en centros de ensino da comarca, nomeadamente en Cee e Muxía. Trátase do CEIP Vila de Cee, IES Agra de Raíces, CEIP Os Muíños, CEIP Virxe da Barca e CEIP Vilarmide. Tras ser interpelado por Insua na Comisión 4ª de Educación e Cultura, o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, negou que os centros escolares de Muxía e Cee necesiten de máis docentes especialistas para atender aos escolares que teñen necesidades educativas especiais, así como de coidadoras ou coidadores para as crianzas que o necesiten, alegando que ditos colexios están dotados por riba do catálogo establecido por Educación. “Poña por escrito todos os datos que acaba de expoñer nesta comisión parlamentaria, e logo os contrastamos; vostede está a tomarnos por parvos”, indicou o parlamentario nacionalista ao alto cargo de Educación, lembrándolle que “as familias que se mobilizan polos dereitos dos seus fillos e fillas non o fixeron por capricho, senón porque se trata dunha necesidade real”.
”Normalidade” e “ratios”
Tocoulle esta vez ao Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, Álvarez Bértolo, que comezou a súa intervención asegurando o “curso escolar comezou con toda normalidade na Costa da Morte”. Parece que non viu as manifestacións (o último paso que toman as comunidades escolares despois de numerosas queixas) tanto en Cee como en Muxía.
Bértolo argumentou con datos: “Todos os centros contan co persoal adecuado para atender ao alumnado de NEE, e todos están por riba das ratios fixadas”. “Somos referentes en inclusión”, chegou a asegurar.
E foi concretando: “O CEIP VIla de Cee conta con un PT e medio AL, suficiente para a atención de alumnado NEE, o centro esta por encima do catálogo. É certo que ten media xornada de PT menos que o curso pasado, pero ten media xornada de Educación Primaria e unha coidadora máis (3).”
“Tamén está por riba atálogo o CEIP os Muíños, ten 1 AL a media xornada, o centro capacidade para acoller máis alumnado. Ten menos profesorado porque ten unha aula de educación especial non habilitada este curso”, sinalou.
Con respecto ao CEIP Virxe da Barca, deixou claro que como ten só 40 alumnos, bástalle 1 AL compartido para as NEE.
Finalmente sobre o IES Agra de Raíces sinalou que hai 2 AL para 6 alumnos NEE, “suficiente”.
A resposta
Insua instoulle a poñer todos estes datos por escrito e Bértolo acabou criticando á CIG.