O PP volve rexeitar no Parlamento a supresión da peaxe que esixe nos Concellos afectados

Nos plenos de Muxía e Camariñas, os grupos locais do PP votaron en contra dunha iniciativa presentada en todos os concellos polo BNG para que os concellos insten á Xunta a afrontar a supresión da peaxe da AG-55. Pero é que en Cee e Dumbría abstivéronse; e e en Fisterra, Carnota, Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Ponteceso e na Laracha apoiaron a moción para eliminar as peaxes. 

Pola contra, o PP leva rexeitando no Parlamento Galego iniciativas para rematar con este roubo á veciñanza da comarca dende hai décadas. 

Así o denunciou o deputado do BNG Oscar Insua, que lamentou que o PP “nin quere falar das peaxes da autovía AG-55 nin quere eliminalas” .

 

Afondou Insua nas contradicións dos populares cando lembrou que  “o PP reclama a gratuidade da AP-9, a pesares de que esta semana votou en contra en Madrid do acordo acadado polo BNG; pero négase a eliminar as peaxes na AG-55”.

 

Oscar Insua lembrou que a Xunta rescatou en outubro de 2024 catro autoestradas galegas, mais  non o fixo coa AG-55, que é unha vía de comunicación esencial para os concellos de Bergantiños e da Costa da Morte e para unha poboación que supera os 100.000 habitantes. “Por que esta discriminación cunha veciñanza que cada vez que teñen que ir á Coruña ao médico ou a outras cuestións ten que pagar para seguir engordando o negocio da empresa adxudicataria?”, preguntouse Insua, que engadiu que “para o PP somos os últimos para todo; agora estamos entre os últimos en seguir abonando peaxes, cando noutros sitios xa as autovías son gratuítas”.