O PSdeG denuncia dous anos de “abandono” da Xunta coa Costa da Morte en materia de transporte, infraestruturas e servizos públicos
O PSdeG mantivo unha reunión esta semana cos representantes municipais da nosa comarca. O secretario provincial, Bernardo Fernández, e a deputada no Parlamento de Galicia Patricia Iglesias reuníronse con responsables de Camariñas, Vimianzo, Dumbría, Corcubión ou Muxía para denunciar “abandono” da Xunta de Galicia coa Costa da Morte tras dous anos de goberno de Alfonso Rueda. Advertiron que “os principais problemas en materia de infraestruturas e servizos públicos seguen sen resolverse”.
Bernardo Fernández asegurou que estes dous anos de mandato autonómico “non foron positivos para esta terra”, e subliñou que a relación da Xunta coa Costa da Morte mantén unha dinámica que xa se viña producindo nos últimos anos co goberno de Feijóo e agora co de Rueda. “As grandes cuestións que teñen que ver con esta bisbarra en materia de infraestruturas ou de servizos seguen a ser unha asignatura pendente que non se está a atender”, afirmou.
Transporte público
Entre as principais preocupacións, o secretario xeral destacou a situación do transporte público. Segundo indicou, “os novos contratos do transporte metropolitano provocaron un empeoramento dun servizo que antes funcionaba medianamente ben”. Fernández denunciou que actualmente chegan ás paradas autobuses cheos que deixan persoas "tiradas”, vehículos que non chegan ou que o fan tarde, e incluso casos nos que pasan antes de tempo.
“Durante décadas houbo un illamento notable que afecta a todos os sectores. Non só aos produtivos, senón tamén á fixación de poboación, ao desenvolvemento industrial e ás oportunidades de futuro para a xente nova”, advertiu.
“Temos toda a variedade de posibles desfeitas nun servizo público concentradas no transporte metropolitano de Galicia”, criticou, lembrando ademais que existen sentenzas xudiciais contra os adxudicatarios destes servizos pola mala prestación dos mesmos. “No ámbito xudicial tamén se está respaldando esta realidade que levamos anos denunciando”, apuntou.
Neste contexto, reclamou á Xunta que deixe de aplicar “parches” e adopte medidas inmediatas para solucionar un problema que, segundo advertiu, afecta a milleiros de veciños e veciñas.
A Autovía!
Pola súa banda, Patricia Iglesias puxo o foco no illamento da comarca e na falta de avances en infraestruturas clave como a autovía da Costa da Morte. A deputada socialista lembrou que se trata dun proxecto impulsado polo goberno presidido por Emilio Pérez Touriño e criticou que, tras anos de paralización, a Xunta de Galicia continúe facendo anuncios sen completar o trazado previsto inicialmente.
Aínda que valorou o anuncio do novo tramo de 5,5 quilómetros, insistiu en que a comarca precisa “o remate da autovía da Costa da Morte tal e como se concibiu no proxecto orixinario socialista”.
A parlamentaria tamén sinalou o que considera unha “incoherencia” do goberno autonómico en materia de mobilidade, explicando que “mentres reclama a gratuidade da AP-9, algo co que nós estamos dacordo, mantén peaxes en vías autonómicas como o tramo Carballo-A Coruña, o que supón un custo para estudantes e persoas traballadoras que se desprazan diariamente”.
Uso partidista dos fondos
Iglesias denunciou ademais unha utilización “partidista” dos fondos públicos por parte da Xunta, que, segundo afirmou, “favorece a concellos gobernados polo PP a través de convenios de concesión directa que se elixen a dedo”.
“Estamos a falar de fondos públicos que son dos galegos e das galegas, non fondos que pertenzan ao Partido Popular”, afirmou. Nese sentido, advertiu de que existe “unha discriminación clara e evidente” cara aos concellos socialistas.
Ensino e sanidade
A deputada tamén advertiu dos problemas estruturais en servizos públicos na comarca, especialmente na sanidade e na educación. Segundo indicou, faltan profesionais na atención primaria e en pediatría e os consultorios rurais sofren carencias de persoal sanitario.
No ámbito educativo, reclamou máis investimentos en infraestruturas e máis profesorado especializado para atender ao alumnado con necesidades educativas especiais. “Falamos moito de educación inclusiva, pero a Xunta non aposta polos docentes especializados”, sinalou.
Iglesias concluíu denunciando que a Costa da Morte leva “17 anos de abandono” por parte dos gobernos do PP na Xunta e asegurou que o PSdeG continuará levando estas demandas ao Parlamento galego.