PSOE e BNG critican o anuncio da Xunta da ampliación do Corredor "sen ruborizarse e sen pedir desculpas”
Achegábase esta mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a anunciar a licitación da ampliación do Corredor da Costa da Morte no treito ata a estrada entre Vimianzo e Camariñas. Non tardaron os grupos da oposición en amosar as súas queixas ante un proxecto que pasa por ser agran tomadura de pelo do goberno popular da Xunta de Galicia nas dúas últimas décadas ao pobo da Costa da Morte.
O PSOE
Os parlamentarios autonómicos do PSOE, Patricia Iglesias e Aitor Bouza e a deputada no Congreso Obdulia Taboadela, acodiron acompañaron doutros membros do PSOE de Vimianzo e Camariñas, á zona para lanzar as súas críticas.
Iglesias lamentou que o novo treito “non vai ser autovía, vai ser un corredor”, dun só carril por sentido. A parlamentaria do PSdeG, lembrou que a ampliación da autovía da Costa da Morte é, en orixe, “un proxecto con selo netamente socialista”, dado que se impulsou durante o Goberno de Touriño. Naquel momento contemplábase levar a AG-55 ata Berdoias, a máis de 15 quilómetros do punto no que remata a día de hoxe. Desa forma, salvaríase o núcleo urbano vimiancés. “Cando Feijoo chegou á Xunta, no 2009, decidiu paralizalo”, recordou sobre o longo atraso que acumula a execución dunha vía de comunicación vital para a comarca e que xa debería estar rematada. Neste caso, as obras, “como moito, estarán listas no 2028, que casualidade, coincidindo coas eleccións autonómicas”, dixo.
Tras anos de desleixo por parte dos Gobernos de Feijoo e Rueda, ademais de continuas promesas incumpridas, tardará aínda máis a extensión da autovía ata Berdoias. Por iso, Patricia Iglesias avanzou que o Partido Socialista manterá o seu compromiso coa finalización da infraestrutura. “Seguiremos reivindicando no Parlamento esta prolongación ata Berdoias, tal como estaba previsto no proxecto orixinario do Goberno de Touriño”, subliñou.
O BNG
Pola súa banda, o BNG da Costa da Morte demanda ao PP “menos propaganda e máis investimentos” na comarca, e critica un anuncio realizado “sen ruborizarse e sen pedir a mínima desculpa”.
Os nacionalistas sinalaron que “despois de anos da nosa insistencia no parlamento galego para que se retomaran as obras de remate da autovía prometida no ano 2003 polo desastre do Prestige, por fin van aparecendo os froitos deste traballo político”. Mais subliñaron que “o que menos esperabamos desde o Bloque da Costa da Morte era que o PP, que goberna a Xunta desde hai 17 anos, tivera a pouca vergoña de vir a anunciar e facer propaganda dunha obra que non é a que prometeron, porque non vai ser unha prolongación da autovía, senón un corredor dun só carril por sentido, por moito que se empeñen en camuflalo co nome do proxecto, e que tiña que estar rematada hai moitos anos”.
Para o BNG “é inmoral que o Partido Popular malgaste ademais os cartos públicos nun acto de propaganda e de publicidade partidista para anunciar un mero trámite administrativo do procedemento, a licitación da obra”. A formación nacionalista considera que “o que se podía anunciar cunha nota de prensa, faise cun acto a todo bombo que lle custa cartos á Xunta; cartos que se podían aforrar e aproveitar para facer algún centro de día público na comarca, porque non temos, ou para facer vivenda pública, que tampouco a hai nin hai previsión de facela”.
O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, ve moi claro que “hai que ter pouca vergoña e moita cara para anunciar a bombo e pratiño o que é un incumprimento en toda regra, no fondo, na forma e no tempo. Despois de anos de espera e incumprimentos, un político sensato non viría a alardear e presumir dun engano, pero o PP está curado de espanto”.
Histórico da Autovía
- Novembro 25: A Xunta afirma que o tramo de Corredor, non autovía, ata Vimianzo non estará listo ata 2029.
- Agosto 25: A Xunta porá unha rotonda no cruce de Berdoias.
- Outubro 25: Os Orzamentos da Xunta de 2026 recollen 8 millóns para a VAC.
- Outubro 25: O BNG urxe á Xunta axilizar o expediente para comezar canto antes as obras do corredor da AG-55.
- Xuño 25: Aprobado, tras 5 anos paralizado, o proxecto dos 5,5 km de Corredor ata Pasarela.
- Maio 25: O PP volve rexeitar no Parlamento acelerar a licitación do novo treito do corredor da Costa da Morte:
- Febreiro 25: A Autovía, a gran tomadura de pelo da Xunta do PP á veciñanza da Costa da Morte.
- Outubro 24: A Xunta lanza excusas sobre o Corredor pero ratifica que se executará ata Berdoias “nesta lexislatura”.
- Xullo 24: 7 Concellos aproban mocións para esixir á Xunta que remate a Autovía Costa da Morte.
- Maio 24: A Xunta evita concretar prazos para a activación das obras da Autovía.
- Maio 2024: O BNG reivindica desde Berdoias a ampliación da autovía da Costa da Morte.
- Novembro 2023: O BNG reitera a falta de execución de partidas que aparecen ano tras ano nos Orzamentos da Xunta para a Costa da Morte
- Outibro 23: Os Orzamentos da Xunta 2024 reducen a partida para a VAP
- Febreiro 23: A Autovía volve enredarse no Parlamento.
- Febreiro 23: A alcaldesa de Camariñas urxe á Conselleira a reactivación da prolongación da Autovía/Corredor ata Calo.
- Novembro 22: O pleno de Corcubión volveu pedir que se remate a Autovía e que se elimine a peaxe.
- Novembro 22: O PSOE Costa Atlántica lamenta a falta de compromiso dos Orzamentos da Xunta coa Autovía.
- Outubro 22: Os Orzamentos da Xunta inclúen, un ano máis, unha partida para o Corredor Baio-Berdoias.
- Agosto 22: Os socialistas esixen á Xunta que cumpla coas promesas do Corredor.
- Outubro 21: Os Orzamentos da Xunta para 2022 inclúen 3,43 millóns de euros para continuar o Corredor entre Baio e Berdoias.
- Maio 21: SEA e Goberno central reiteran que a conexión do Polígono de Vimianzo coa Autovía é responsabilidade da Xunta.
- Marzo 21: Reiteran a necesidade de rematar a Autovía ata Cee, ou polo menos ata Berdoias.
- Setembro 2020: Lembran os case 20 anos de promesas da Autovía Costa da Morte ata Brens.
- Febreiro 2020: Anunciada a ampliación da “Vía de Altas Prestacións”, con saída pero sen enlace co polígono de Vimianzo.
