As Redeiras, condenadas a non poder xubilarse antes dos 67 anos

Redeiras traballando sentadas durante horas e horas

Non fai falta moita experiencia para decatarse da dureza da profesión de redeiras. Ducias de horas sentadas “traballando con redes quilométricas molladas que supoñen pesos que multiplican varias veces o noso, e que estamos sometidas ás inclemencias do tempo, chovendo a veces en portos no inverno e soportando temperaturas moi elevadas no verán, o que está incidindo na aparición de enfermidades da pel coma o cancro de pel, iso sen esquecer a humidade continua e a insalubridade derivada dos traballos de reciclaxe que facemos, xa que se o mar é un depósito de lixo, as redes que se recollen veñen ateigadas de materiais en descomposición que provocan, entre outras doenzas, infeccións oculares e alerxias”.

Así o describe a presidenta da Federación Galega de Redeiras O Peirao, a malpicá Verónica Veres, para denunciar o abosluto descoñecemento que demostra a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social ao negarse a autorizar o inicio do procedemento para o recoñecemento dos coeficientes redutores ante a falta de casos de mortalidade neste colectivo profesional.

As redeiras amosan a “súa indignación, estupor e decepción” pola decisión da Seguridade Social de non aplicar coeficientes redutores que permitirían unha xubilación máis temprana, “ante a falta de indicios de elevados incrementos nas taxas de mortalidade o morbilidade debidas á realización de dito traballo”, segundo sinalan dende o Ministerio.

Unha resolución do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social contradí cadanseu informe da UE e do Ministerio de Pesca que animan a introducir coeficientes redutores neste colectivo. O propio Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación conclúe no estudo titulado Redeiras, un oficio descoñecido, que é preciso facilitar a redución da idade de xubilación entre as profesionais deste colectivo.

Novas relacionadas