Luns. 26.08.2019
El tiempo

Rita Míguez (Anmupesca): "Temos que mecanizar o mar"

Este sábado 23 de marzo, a Casa da Cultura de Corcubión acolle unhas máis que interesantes Xornadas sobre Sostibilidade do Mar e o Monte. Xa temos falado cunha das ponentes Rosa Arcos, presidenta de FADEMUR e con Monte Veciñal de Carballo: José Manuel Iglesias, membro da Comunidade de Monte Veciñal de Carballo de Friol. Hoxe viramos a estribor, fixámonos no mar, con Rita Míguez, Presidenta da Asociación de Mulleres de Pesca ANMUPESCA.

Rita Míguez, presidenta de Anmupesca nunha foto de Fundamar
Rita Míguez, presidenta de Anmupesca nunha foto de Fundamar
Rita Míguez (Anmupesca): "Temos que mecanizar o mar"

Unha entidade sen ánimo de lucro que une a día de hoxe entidades de toda a península, sendo Galicia e a Costa da Morte as zonas máis involucradas. Forman parte da asociación, ademais activamente, a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, a Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, a Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica, a Asociación de Mariscadoras do Río Anllóns, e a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia.

  • QPC: Que representa ANMUPESCA e cales son os seus obxetivos?

ANMUPESCA é unha entidades en ánimo de lucro que suma 30 asociacións de distintas profesionais do sector: mariscadoras, redeiras, comercializadoras e armadoras. En total somos xa 15.000 socias e socios repartidos por seis Comunidades Autónomas (Galicia, Asturias, Cantabria, Comunidade Valenciana,, Andalucía e Madrid) e o que pretendemos é visibilizar o traballo da muller no sector da pesca e loitar por mellorar a súa situación socio laboral.  

  • QPC: Cales son as reivindicacións actuais de ANMUPESCA?

Na actualidade, estamos moi centradas na solicitude da revisión dos coeficientes redutores e a súa consecución para o colectivo de redeiras, xa que é o único do sector da pesca que aínda non o teñen recoñecido cando traballan nunhas condicións durísimas. Tamén estamos traballando no recoñecemento de varias enfermidades que nos son catalogadas como común pero que claramente se derivan dos nosos traballos. E todo isto tentando visibilizar o noso traballo.  

  • QPC: Que funcións desenvolve a muller no sector da pesca?

A muller está en toda a cadea de produción do sector da pesca e incluso antes porque somos as que reparamos e confeccionamos as redes que logo os barcos levan a faenar e coas que se captura o peixe. Somos tamén mariscadoras, recollemos o produto e tratámolo en fábricas, transportámolo e vendémolo nas lonxas e mercados e aínda máis, somos as que decidimos os menús das nosas familias. Estamos en todo o proceso.  

  • QPC: Como ves futuro da muller no sector?

Pois sinceramente, moi prometedor. Creo que estamos dando pasos moi firmes e que contribuirán a mellorar o sector en xeral, porque iso é o que nos move. Somos conscientes de que somos parte e axentes fundamentais para seguir xerando confianza e rendibilidade no noso ámbito.  

Rita Miguez ANMUPESCA nun foto de Fundamar

  • QPC: Desde cada a vosa experiencia, cales considerades que son os retos máis urxentes para a sostenibilidade do mar en Galicia?

Creo que o máis inmediato é que a sociedade actual chegue ao entendemento de que é preciso un equilibrio entre o modo de vida que leva e o benestar xerado e o respecto polo medio natural que será o escenario de futuras xeracións. Creo que todos temos que ser conscientes de que a nosa responsabilidade pasa por legar aos que veñan un medio natural que os poda seguir surtindo de alimentos, paisaxe e outros recursos da natureza, iso sen perder de vista a nosa calidade de vida.

  • QPC: Que problemáticas ou asuntos concretos cres que se debes visibilizar máis nos vosos sectores de cara a lograr unha conciencia colectiva social máis rica?

Desde o ámbito da pesca xa nos demos conta hai tempo de que a supervivencia das especies e a rendibilidade do sector pasan por seguir mantendo as cotas de captura pero a isto engádese agora a salubridade das augas mariñas, que son un contedor de residuos e sobre todo de plásticos que tanto dano están facendo ao medio mariño. Creo que este é un problema de todos e pouco a poucos estámonos concienciando de que temos que reducir a xeración de estes residuos, pero tamén nos preocupan outros efectos coma o quecemento das augas e o seu impacto nas especies das nosas costas.

  • QPC: Cales son as ausencias administrativas máis acuciantes respecto da cobertura e apoio cara aos vosos ámbitos de traballo? E cales considerades que puidesen ser unha boa batería de iniciativas positivas de apoio?

Desde a nosa perspectiva, cremos que temos que mecanizar o mar, temos que innovar para implantar ferramentas que axuden ás mulleres e homes da pesca nas súas tarefas diarias e que as fagan máis doadas. Faltan estudos sobre indumentarias de traballo para mariscadoras e redeiras, faltan tamén proxectos sobre instrumentos de traballo máis lixeiros, falta recoñecemento ás nosas enfermidades e falta sobre todo acabar de profesionalizar as nosas profesións, con coberturas sociais axeitadas e remuneracións acordes ao traballo realizado.

  • QPC: Considerades que ante o estado de degradación xeneralizada do planeta e dos seus recursos hai un aumento de sensibilización social respecto diso ou unha aposta social e política por iniciativas que integren propostas máis sostenibles co planeta, igualitarias en canto á perspectiva de xénero, ou que incorporen máis e distintas sensibilidades cara ao coidado?

Creo que nos últimos anos se ten avanzado nesta dirección pero hai moito camiño por facer. Non ten sentido que se aproben grandes liñas estratéxicas a nivel internacional de respecto polo planeta cando logo, os países máis desenvolvidos, non están dispostos a cumprilas. Ante isto, cremos que os exemplos individuais e a suma destes vai ir concienciando de que o futuro pasa polo respecto e coidado do noso medio natural.

  • QPC: Que lles dirían aos mozos que nun futuro teñan ou desexen desenvolver proxectos de vida e traballo no rural galego?

Que sexan respectuosos co medio rural, que non intenten modifícalo e que lle saiban sacar partido ás súas vantaxes e rendibilidade ás súas eivas.

Novas relacionadas

 

Comentarios