SAT Costa da Morte: “A cercanía creo que é o punto que nos diferencia”
- "Unha das dificultades máis importantes é co servizo de pediatría que ao final é unha peza fundamental porque é a que nos ten que derivar as crianzas, e aquí non hai profesionais estables".
- "A partir dos 6 anos, a nivel público as institucións non hai nada. Os nenos quedan desamparados"
Segue destacando o Servizo de Atención Temperá da Costa da Morte (SAT) (que atinxe a 10 concellos da comarca: Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas) como un dos que mellor funcionan en Galicia. Este servizo público é un alicerce fundamental para as familias e meniños/as de 0 a 6 anos con diversidade que presentan trastornos no seu desenvolvemento ou que están en risco de padecelos.
O centro costeiro, coordinado por Aspadex, está nun bo estado de saúde, con 5 profesionais (2 logopedistas, unha terapeuta ocupacional, unha psicologa e unha mestra especialista en PT), e atende arredor de 100 crianzas. Iso implica que o servizo está completo pero con todo a lista de espera non é moi longa, e normalmente as familias soen esperar como moito dous meses para entrar.
A permanencia das crianzas no centro varían moito, pois hai algunhas que nun ano pode estar resoltas, pero tamén hai outras que teñen que estar ata os 6 anos, cando quedan absolutamente desamparados no sistema público.
O pasado venres co Gallo do Día da Logopedia, o Colexio de Logopedas de Galicia organizaba unha charla informativa á que invitaban á terapeuta ocupacional do centro costeito, Silvia Rodríguez, e a unha familia usuaria do centro, representada por Jessica Moledo, que falou as vantaxes e importancia de ter o SAT na comarca.
Un necesario Plan Xeral de Atención Temperá
A modo xeral, no transcurso dunha mesa redonda que se celebrou en Santiago baixo o título “Atención Temperá, unha cousa de todos”, a logopedistas galegas cren necesario o establecemento dun Plan Xeral de Atención Temperá “con estándares mínimos de calidade para todos os nenos e nenas”, como recalcou a presidenta do Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia, a tamén costeira e natural de Corcubión, Diana Gándara.
A importancia da detección precoz
Desde a terapia ocupacional, Silvia Rodríguez, terapeuta que traballa no SAT da Costa da Morte, destacou a importancia da detección precoz e da coordinación interdisciplinar para garantir unha intervención efectiva. “O neno ou a nena pasa un proceso de detección precoz despois de que alguén do seu entorno descubre que algo non está indo ben. As familias ou as escolas infantís son as que adoitan dar a voz de alarma. O servizo de Pediatría derívaos ao de Atención Temperá no SAT máis próximo. Hai unha fase de acollida, na que se fai a entrevista coa familia, unha fase de valoración e, finalmente, a intervención tanto familiar como coas crianzas. A medida que se van logrando os obxectivos ou a nena ou neno alcance os seis anos chega a fase de avaliación e finalización do servizo”.
A cercanía do servizo
Pola súa parte, Jessica Moledo, nai dun neno de tres anos usuario do SAT do Ézaro, puxo o foco na importancia do apoio ás familias. “No momento en que te decatas de que o teu fillo pode ter dificultades, precisas axuda e orientación profesional. A Atención Temperá é fundamental para que as crianzas teñan un futuro mellor e para que as familias se sintan acompañadas. O SAT é un lugar cercano onde poder apoiarse e resolver dúbidas. Sempre con tacto, xa que a actuación de seu é difícil”, afirmou. Para Jessica é necesario “ver que o meu fillo vai a terapia contento, que se divirte e que, ao tempo, ten avances. Ás veces, cando hai determinadas cousas que, pese a traballalas, non se logran mudar, é importante entender a razón, reforzalo e explicalo da mellor forma posible para que se teña conciencia da realidade e non verse afogada na situación”.
Jessica tamén denunciou as barreiras económicas que impiden que moitas familias poidan acceder a servizos privados cando a oferta pública é insuficiente. “Por este motivo é importante ter máis Servizos de Atención Temperá, para axudar ás familias e que os pequechos teñan un futuro mellor”.
Falamos coa logopeda do centro costeiro, Inma Fariña
- Polo que escoito, a cercanía das profesionais do SAT é fundamental, verdade?
Ese creo que o punto que nos diferencia. Creamos vínculos moi fortes coas familias, creamos un ambiente de confianza, que nos poden falar de calquera preocupación, por tontería que lle pareza á familia. Intentamos facer equipo coas familias. Aquí veñen 45 minutos á semana, pero o seu entorno natural é fundamental, a casa e o colexio, e intntanmos para que leven todo o aprendido a outros contextos.
De feito, lévannos vantaxe noutras comunidades nas que se estás realizando estas intervencións no entorno natural e aquí as familias son as teñen que vir canda nós para traballar. A experiencia científica sinala que os mellores resultados danse cando a intervención se realiza nos contextos naturais, e as prácticas centradas nas familias. A ver se imos tirando cara aí.
- Falas da importancia da ”coordinación interdisciplinar”, hai tamén relación cos coles e as escolas infantís?
Hai de todo. Por norma xeral hai unha boa relación. En xeral entenderon moi ben o servizo, viron que era unha necesidade na Costa da Morte. Temos relacións periódicas, trimestrais, máis de xeito telefónico, e certo que moitas veces temos os nosos puntos de vista diferentes, porque somos de perfís profesionais distintos, pero sempre intentamos que haxa harmonía.
- Que cousas se poden mellorar?
Unha das dificultades máis importantes é co servizo de pediatría que ao final é unha peza fundamental porque é a que nos ten que derivar as crianzas. Pero na Costa da Morte non hai profesionais estables, apenas 3 dos 10 concellos aos que pertecemos. A falta de coñecemento dos nenos e de como funciona o servizo fai que as derivacións cheguen máis tarde.
Ademais, ultimamente houbo moito cambio de profesionais no noso SAT, por motivos laborais que as profesionais buscan estar preto dos seus fogares, como nos pasou ás tres que somos da Costa da Morte, pero ao revés. A ver se se vai estabilizando o cadro de persoal.
- E a partir dos 6, que?
Pois é certo que a nivel público as institucións non hai nada. Nós intentamos manter un acompañamento, axudamos a pedir o certificado de discapacidade para poder acceder a axudas e poder acceder a terapias privadas.
É duro porque ves que os que teñen unha condición que os vai acompañar toda a vida están un pouco desamparados a nivel público.
Agora, van poñer en Vigo a primeira unidade post Atención Temperá, a partir dos 6 anos. Esperamos que sexa un exemplo, pero haberá que ver cando chega ata aquí…
Máis información
Teñen moita información neste tríptico informativo que poden descargar, e poden ademais pedir máis información no 696.557.782 ao punto do Ézaro (Pedra Maior, 97) e no 669 514 076 no punto vimiancés (na Avda. Finisterre, 12-1º) ou a través do correo atenciontemprana@costadamorte.org.
Novas relacionadas
- Agosto 2020: O Servizo de Atención Temperá comezará a traballar en 10 concellos nas vindeiras semanas.