Martes. 30.11.2021
El tiempo

Diana Gándara, vicepresidenta do Colexio, celebra o Día da Logopedia en QPC

Diana Gándara recibindo o Premio da Liga Reumatoloxica Galega
Diana Gándara, á dereita, recibindo o Premio da Liga Reumatoloxica Galega o pasado mes de outubro
Diana Gándara, vicepresidenta do Colexio, celebra o Día da Logopedia en QPC

O ano pasado por estas datas falabamos con Alba Pérez Paz. Este 6 de marzo, co gallo do Día da Logopedia facémolo con Diana Gándara que foi recoñecida na pasada Gala da Liga Reumatoloxica Galega. A corcubionesa é ademais vicepresidenta do Colexio de Logopedas de Galicia.

O propio Colexio xa alerta de que “aproximadamente un 70% das persoas con covid-19 que foron intubadas van necesitar axuda logopédica para poder pasar a unha alimentación normal”.

Diana, que traballa nunha clínica privada pero tamén está nas listas da sanidade pública, tamén nos fala desa “cronificación” das patoloxías, e lamenta que moitos dos hospitais púbiicos de Galicia, como o Hospital Virxe da Xunqueira, non conten con logopedas. “Non debe ser un artigo de luxo. Non pode ser que dependendo de onde vivas e da área sanitaria á que pertenzas poidas ter acceso ou non a un logopeda de xeito pública”, denuncia Gándara.  

  • QPC: Ola Diana, estamos comprobando como esta pandemia nos cambia moitas ideas. Este ano o Día da Logopedia vai enfocado á telerehabilitación. Imaxinábaste hai un par de anos estar facendo rehabilitación a través da pantalla?

Creo que toda esta situación nos pillou a todos como se diría na rúa “ en bragas”. É verdade que a telepráctica xa se usaba no noso campo (moi pouco) en algúns aspectos concretos nos que traballamos pero esta pandemia desatou a necesidade dunha alternativa así para poder seguir atendendo ós nosos pacientes. Teño que ser sincera: eu non apliquei a telepráctica como tal- Simplemente me mantiven en contacto (chamadas, videochamadas, mensaxes) cos meus pacientes, para saber como estaban, se necesitaban algo e para que os casos os mais complexos puideran ir acostumándose a verme vestida co EPI.

 
  • QPC: É tan efectiva como a presencial?

É un tema complexo, dado que o uso da telepráctica está pensado para poder chegar aos pacientes intentando salvagardar a súa seguridade e a nosa e poder seguir mantendo a terapia, pero débense ter moitas cousas en conta. A parte da falta de acceso a internet (requisito indispensable) debemos considerar outras cousas como o uso e coñecemento previo por parte do noso paciente das novas tecnoloxías, as limitacións asociadas á patoloxía, o nivel cultural do paciente, o tempo do que dispoñen os familiares e coidadores, a relevancia e importancia de darlles ós familiares e coidadores un papel máis relevante coa intervención indirecta sen chegar a sobrecargalos... e todo isto garantindo que a calidade das nosas intervencións e terapias non se vexa menoscabada. Creo que aínda nos falta máis investigacións en torno a este tema e máis consenso para poder desenvolvela con efectividade.

 
  • QPC: Para unha zona como a nosa pode ser unha solución moi boa para esas persoas que viven espallados no rural, non?

Debería ser unha solución, pero desgraciadamente non o vivín así. O acceso a internet nestas zonas rurais desatou, xa non só no noso ámbito, unha brecha informática e social que estaba aí pero que en situacións tan extraordinarias como estas aínda cobrou máis relevancia. Os numerosos fallos na conexión, na cobertura ou o pensamento xeralizado de que todo mundo ten na casa un ordenador ou sabe usalo leva a pensar que se poden realizar este tipo de prácticas habitualmente cando en realidade, e falo do noso traballo, serían moi poucos os doentes que se poderían beneficiar desta práctica a día de hoxe.

 
  • QPC: Cóntanos, como está afectando toda esta crise sanitaria á logopedia? Supoñemos que moita xente deixou de lado o seu tratamento… pero están recuperando o traballo perdido? Estás vendo moita cronificación dos problemas?

Desgraciadamente, e nesta zona sabémolo ben, o acceso a logopedia a través da sanidade publica e complicado, cousa que ocorre en toda a nosa comunidade polo que os pacientes acoden a centros privados. É verdade que esta situación está xerando perdas de traballo co que o costeamento dos tratamentos para algunhas persoas fáiselle complicado, pero tamén é certo que vemos o esforzo enorme que están a facer para investir ese diñeiro que non lles sobra na súa saúde.

Dende o CPLGA loitamos porque o incremento dos logopedas no sistema sanitario sexa algo real, porque non nos cansaremos de repetir que a logopedia non é un artigo de luxo. É saúde. Durante o confinamento domiciliario puidemos comprobar como as dificultades que presentaban algúns dos nosos pacientes se agudizaban, eles mesmos vían a necesidade de volver para poder traballar todos eses aspectos que necesitaban; pero tamén vimos pacientes que como non puideron acudir a logopedia na fase aguda e tiveron que facelo xa pasados uns meses, e claro, o prognóstico non é o mesmo.

 
  • QPC: Como vos afectou/afecta toda a crise a nivel empresarial?

Pois ao inicio con moita incertidume, dado que cando saltou polos aires todo isto, nós como logopedas non obtivemos o decreto de cerre (os nosos centros cerrámolos para protexer aos nosos doentes e a nós mesmos dun virus súper contaxioso do que pouco mais se sabía) co cal as axudas económicas as que podiamos optar eran moi reducidas. Dende o CPLGA estivemos loitando sen descanso e conseguimos que a Xunta de Galicia nos decretara o peche. Ademais disto vímonos e vémonos na tesitura de investir un diñeiro importante (moi importante) en mercar EPIs e materias de desinfección, xa que pola natureza do noso traballo debemos de ir protexidas (máscaras, lubas, batas desechables, pantallas faciais, xel desinfectante…) e empregamos moito deste material. Foi e está sendo unha época dura. Estamos loitando para sair adiante ao igual que outros moitos sectores.

 
  • QPC: Por que é tan descoñecido o traballo dos logopedas entre a poboación, as administracións públicas e, ata, entre os propios profesionais sanitarios?

Moitos descoñecen que os logopedas podemos traballar en disfagia, así que nin sequera nos derivan aos pacientes, que en moitos casos quedan sen tratamento. Sería fundamental que todos estes pacientes coñecesen cales son as secuelas post covid-19 e o relevante papel que os logopedas podemos xogar no seu rehabilitación.

 
  • QPC: De feito, dende o colexio denuunciades que a administración non está a valorar o voso traballo tendo en conta as prioridades da Xunta no plan de vacinación, non?

Si estamos loitando nese eido, pois aínda que xa estamos vacinadas da primeira dose, cremos que a administració, cando estableceu a estratexia de vacinación non contemplaron de xeito correcto o risco real que temos nas nosas intervencións tanto na pública como na privada. A nosa realidade de traballo non foi contemplada de maneira correcta, co que pensamos que ou non saben ou non queren saber a nosa realidade.

Cómpre lembrar que os nosos profesionais deben asistir en moitas ocasións a pacientes sen máscara e durante un tempo superior a 15 minutos. É máis, en ocasións, o propio logopeda debe estar sen máscara debido ás características da intervención, xa que a boca do profesional debe ser visible para o paciente, sendo imposible manter a distancia de seguridade.

 
  • QPC: Cando recomendas ti que unha persoa, unha familia, faga a primeira visita á logopeda.

SEMPRE SEMPRE que teñan algunha dificultade na comunicación (sexa na voz, na fala, na linguaxe oral e escrita) ou dificultades para tragar. Se teñen unha dúbida pequena que consulten con nós. É mellor non quedarse ca dúbida e en moitos casos os prognósticos ou os tempos de rehabilitación cambian moito.

 Diana gandara logopeda de Corcubion
  • QPC: Vicepresidenta do Colexio de Logopedas! Como chegas ata aí? Que che impulsou? Como están sendo os primeiros meses no posto?

Pois dende que terminei a carreira, da que enamorei profundamente, creo que xa non sei ser diana sen ser logopeda. Sempre estiven ligada ó colexio, como colexiada acudindo as asambleas ou botando unha man no que puidese. Nunha desas asambleas quedou libre un posto na Xunta de Goberno, dado que unha das persoas que formaba parte da xunta foise. Lanceime entón a presentar a miña candidatura para o posto de vogal . Logo pasei de vogal a secretaria e dende xullo son a vicepresidenta). Fixeno porque son moi soñadora e quería aportar o meu graíño de area e o meu esfozo e traballo para loitar polas cousas que aínda nos quedan por acadar. Como que a logopedia estivese no lugar que eu considero que debe estar como disciplina sanitaia: recoñecida, aceptada e valorada.

Quería ademáis que todo isto puidera repercutir nas compañeiras/os que o están dando todo dende os seus postos de traballo. É un traballo duro, no que entras a traballar arreo sen recibir nada economico, per cada vez que damos un pasiño nas nosas reivindicacións é coma si me tocase a loteria. No CPLGA celebrámolo moito. E se ese graíño repercute positivamente nas nosas colexidas e colexiados xa é o maior dos logros. Quédanos moito traballo por diante pero de seguro que pouco a pouco escalaremos todos as pedras que temos no camiño.

 
  • QPC: Que pode facer un Colexio profesional como o teu para os seus profesionais, que ofrece?

Pois é unha institución que loita polos dereitos e deberes da profesión, que loita por encamiñala e abrir campos que aínda non están por abordar, que se move para incentivar a investigación, que fai e fomenta campañas de información para a sociedade e que esta a carón dos seus colexiados/as para intentar loitar por eles ante as administracións públicas (como pasou durante este confinamento: loitamos o decrete de peque, mantivemos permanentemente informados ós colexiados e conseguimos material de protección para os inicios…). Ademáis temos un papel esencial como informadores sobre todo o relevante a profesión e intentamos fomentar a formación continuada de calidade... Son un sinfín de cousas que, sen unha organización como o CPLGA, serían máis complicadas. No CPLGA imos todos da man e loitamos todos a unha. A verdade é que temos un colectivo moi agradecido en Galicia.

 
  • QPC: Xa inmersos tamén nas actividades arredor do Día da Muller, no voso sector como é a situación da muller? Hai maioría a día de hoxe de mulleres? Tivestes algún problema para acceder ao alto do Colexio ti ou a presidenta Ana Vázquez? Cres que cambiaron as tornas nos últimos 10-15 anos?

O noso colectivoestá maioritariamente formado por mulleres. Son poucos os logopedas homes, pero tamén os hai. Ó ser unha maioría de mulleres non soemos atoparmnos con moitos dos problemas ós que se enfrentan mulleres que pertences a sectores onde a maioría son homes. Normalmente temos xefas, empregadas e compañeiras…
Teño que dicir tamen que somos un colexio moi xove; non chegamos os 15 anos...

 
  • QPC: Como vas celebrar ti este #8M?

Pois traballando. Esta vez tócame facer a mín os servicios mínimos, dado que a miña empregada secundará a folga. Eso sí intentarei estar atenta e activa polas redes sociais.

 

Novas relacionadas

comentarios